REAL FILHARMONÍA

Concerto monográfico do compositor Robert Schumann

07/03/2006 A Real Filharmonía de Galicia, auspiciada polo Consorcio de Santiago, e dirixida polo mestre titular Antoni Ros Marbà, interpretará as obras de Robert Schumann, Manfred, op. 115 (Obertura); Concerto para violoncello en la menor, op. 129 e a Sinfonía nº 3 en Mib maior, op. 97 "Renana" .

No concerto para violoncello contarase coa violoncellista da RFG Barbara Switalska.

Barbara Switalska naceu en Wroclaw (Polonia). Comezou a formarse musicalmente na escola de música da súa cidade. Estudou violoncello con Stanislaw Malek e Feliks Tatarczyk en Wroclaw, con Stanislaw Firlej na Academia Superior de Música de Varsovia e con Ivan Monighetti na Escuela Superior de Música Reina Sofía de Madrid e na Academia de Música de Basilea. Tamén participou en diversos cursos impartidos polos prestixiosos mestres Natalia Gutman e Frans Helmerson.

Gañadora do concurso nacional de violoncello de Polonia, foi tamén galardoada con diversos premios ao longo da súa traxectoria musical, entre os que destacan os obtidos no Concurso Internacional de Música Nicanor Zabaleta, o Concurso Nacional de Música de Cámara de Polonia e o premio honorífico outorgado pola Escola de Música de Wroclaw en recoñecemento á súa calidade artística.
Actuou como solista en diversos países de Europa. En España ofreceu recitais en diferentes salas do país entre as que destacan o Teatro Arriaga de Bilbao, o Teatro da Maestranza de Sevilla, a Fundación Juan March de Madrid e a sala de cámara do Auditorio Nacional de Música de Madrid. En outubro de 2003, xunto á Real Filharmonía de Galicia e baixo a dirección do mestre Antoni Ros Marbá, interpretou as Variacións sobre un tema Rococó de Chaicovsqui. Como intérprete de música de cámara desenvolve unha intensa actividade e colaborou, entre outros, con músicos tan destacados como Árnulf von Arnim, León Spierer e Ivan Monighetti.

Foi integrante da Real Orquestra Sinfónica de Sevilla e actualmente é violoncellista coprincipal da Real Filharmonía de Galicia. Interesada no ensino, desenvolve un importante labor docente como profesora de violoncello na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia.

Compartir: