TURISMO

A empresa municipal Incolsa aforrará máis de 200.000 euros en alugueres

19/10/2011 Incolsa aforrará 52.000 euros ao ano en alugueres despois de que o Consello de Administración da empresa municipal aprobase por unanimidade a modificación e cancelación dos diferentes contratos que mantiña. Isto supón un aforro en alugueres de máis de 200.000 euros nos vindeiros catro anos.

Con esta decisión, Incolsa tamén aplica a política de redución de custos en alugueres que o Goberno municipal está aplicando en diferentes áreas, optimizando así os recursos existentes. O aforro permitirá ademais que a empresa municipal poida dedicar maiores recursos para a súa función, a promoción turística da cidade.

Os contratos de aluguer que estaban en vigor en Incolsa eran tres: un para o local da rúa do Vilar, 63, onde se sitúa a oficina de información turística e a maior parte dos traballadores da empresa; outro tamén na rúa do Vilar, no número 68, onde se atopan a Santiago de Compostela Convention Bureau, a Santiago de Compostela Film Commission e os departamentos de produtos e comunicación da empresa; e unha nave no Polígono do Tambre, que se emprega como almacén da empresa pública.

Incolsa manterá a súa oficina de información turística no mesmo local da Rúa do Vilar, pero cun aforro no aluguer de máis de 19.000 euros ao ano despois de diversas negociacións coa persoa arrendadora. Incolsa cancelará o contrato de aluguer da oficina da Rúa do Vilar, 68, o que suporá un aforro anual de máis de 18.000 euros. Incolsa tamén cancelará o contrato de aluguer da nave do Polígono do Tambre, cun aforro para as contas da empresa municipal dun pouco máis de 14.000 euros.

O Consello de Administración de Incolsa, debido a que o Concello de Santiago dispón de locais propios debidamente acondicionados para acoller as dependencias que sexa preciso trasladar, aprobou por unanimidade estas medidas coa finalidade de reducir os custos fixos da empresa municipal. En calquera caso, garántese que a oficina de información turística continuará situada no mesmo punto da Cidade Histórica, na que o pasado ano se atenderon 230.000 consultas.

Compartir: