ALCALDÍA

Pausa nos partidos do Torneo Internacional de Squash para unha visita ao Concello

19/10/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, recibiu os participantes no Torneo Internacional PSA e WISPA "Camiño de Santiago" de squash, que se celebra do 17 ao 22 de outubro na pista de cristal instalada no centro comercial Área Central. Entre eles atopábase o compostelán Borja Golán, quen, na anterior fin de semana e na mesma pista, se proclamou por novena vez campión de España absoluto.

No acto, desenvolvido integramente en inglés, Conde Roa agradeceu a organizadores e patrocinadores o seu esforzo na organización desta proba e expresou o compromiso municipal de seguir dando soporte a esta competición internacional. Aos xogadores desexoulles un bo torneo e unha satisfactoria estancia en Santiago, desexando volvelos a ver en futuras edicións. Tamén interveu Manuel Cornes, presidente do Squash Club Santiago, organizador da proba.

En Raxoi estiveron algúns dos xogadores de squash máis destacados na clasificación mundial, tanto masculina como feminina. O propio Borja Golán é actualmente o número 36 do mundo. O primeiro cabeza de serie do torneo na categoría masculina é o británico Adrian Grant, número 17 do mundo, e o segundo o sudafricano Stephen Coppinger, número 33. Na categoría feminina, entre outras, están en Compostela a número 44 do mundo, a sudafricana Siyoli Waters, e a 56, a canadense Alexandra Norman. Ao torneo acoden xogadores e xogadoras de 20 países diferentes.

Compartir: