MEDIO RURAL

Un plan integral determinará os proxectos e servizos prioritarios para o rural

18/10/2011 O concelleiro de Medio Rural, Luis Bello, explicou as liñas básicas de traballo do seu departamento, de nova creación nesta lexislatura. Anunciou a elaboración dun Plan de Desenvolvemento Rural (PDR), que "priorizará e secuenciará as obras, proxectos e servizos destinados ao rural compostelán". Confía en contar con algo máis de dous millóns de euros anuais para as diferentes actuacións nesta área.

Bello comezou a súa intervención recordando que a súa concellería ten como prioridade básica "achegar o Concello aos veciños", mantendo reunións periódicas con eles. Puxo como exemplo deste contacto directo o seguimento que nestes momentos se están a realizar ás obras que ADIF está rematando en Angrois, comprobando as reclamacións veciñais. Ademais, comprometeu un funcionamento "áxil" do departamento, baseado nunha "planificación estratéxica" e na "economización de todos os recursos".

Sobre o PDR, indicou que "contemplará un plan de ampliación da rede de saneamento e abastecemento de auga para os vindeiros oito anos", co obxectivo de "mellorar substancialmente as redes existentes no rural de Santiago e mellorar as actualmente en funcionamento". Afirmou manexar datos que apuntan que "sería necesario a día de hoxe un investimento de aproximadamente 70 millóns de euros para dotar de novos servizos ás zonas que carecen deles".

Como considerou imposible dispor desa cantidade, subliñou que se establecerán prioridades para dotar destes servizos aos núcleos máis importantes para, chegado o momento, poder conectar todos os servizos nos demais lugares. Calculou que neses oito anos se poida dotar deses servizos de abastecemento e saneamento a un 35% destes núcleos máis importantes.

Limpeza de cunetas e obras de asfaltado
Recordou que, nada máis pórse en marcha a Consellería, xa se acometera unha limpeza de cunetas. É a súa intención acometer un plan de traballos dende primeiros do mes de abril ata finais de outubro ou principios de novembro de cada ano, acompañado tamén da apertura e perfil de cunetas. Apuntou que contará cuns 300.000 euros para estas actuacións. Tamén neste caso se establecerán prioridades e se realizarán rotacións.

O Concello –indicou- ten uns 1.000 quilómetros de pistas asfaltadas e outros 2.000 de pistas de concentración. No caso destas últimas, o Concello terá a colaboración da Consellería de Medio Rural.

A propósito do asfaltado das pistas do rural, o seu departamento prevé contar cunha brigada propia para pequenas obras. Para actuacións máis en profundidade considera necesario agardar a ter un estudo de todas as necesidades.

Alumeado público
O edil de Medio Rural tamén se referiu á ampla rede de iluminación pública do municipio, cifrada nuns 25.000 puntos de luz. Neste caso, dixo, as carencias están localizadas e serán solucionadas ao longo desta lexislatura.

Tamén deu conta do deseño dun plan de aforro enerxético, que "nos permitirá aforrar na factura da luz, que nestes intres supera os 1.700.000 euros".

Variante de Aradas
Volvendo ao compromiso de diálogo permanente cos veciños, comentou as reunións que está a manter cos veciños para explicarlles o proxecto da variante de Aradas ao Polígono do Tambre. Esta actuación está agora a en período de alegacións, polo que considera necesario "despexar dúbidas e recoller propostas de modificación".

PXOM
Finalmente, confirmou que se "abordará a modificación do PXOM". Lembrou o paradoxo que se produce neste tema, con parcelas urbanizables ás que o Concello non lles concede licenza por carecer de servizos básicos. Luis Bello cre posible "non ser tan ríxidos con esta normativa".

Compartir: