ALCALDÍA

Encontro coa directiva da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela

17/10/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, recibiu en Raxoi a directiva da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC), encabezada polo seu presidente, Luis Menéndez.

No encontro, que se prolongou durante unha hora, os directivos da APSC manifestaron ao rexedor compostelán o programa de actividades que se levan a cabo en relación coa cidade e a súa proxección exterior.

Destacaron a necesidade da creación dun centro de prensa internacional para Santiago de Compostela que sirva como soporte para acoller e dar servizo aos milleiros de xornalistas que, de todo o mundo, pasan pola capital galega, e que tamén sexa un núcleo para organización de actos de difusión pública.

Ademais, relataron ao alcalde os preparativos para vindeiras homenaxes as dúas grandes figuras históricas do xornalismo compostelán como Alfredo Vicenti ou Raimundo García, "Borobó". Por último, e entre outros asuntos, indicaron a incidencia que a crise da profesión está tendo no ámbito compostelán e galego.

O alcalde, pola súa parte, tomou nota das informacións recibidas e destacou a labor que dende sempre tivo a APSC como ente profesional compostelán que agrupa a xornalistas de Compostela e comarca dende hai case 70 anos.

Compartir: