XUNTA DE GOBERNO

Unha auditoría analizará a realidade económica do Concello e fixará procesos de xestión máis eficaces e eficientes

17/10/2011 A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria, iniciou a contratación dun servizo para a realización dun diagnóstico económico-financeiro e dunha análise da situación de xestión e operativa do Concello e dos seus servizos. O prego de condicións establece que esta auditoría debe estar lista nun tempo máximo 20 semanas, se ben a realización da mesma nun tempo menor suporá unha mellora na puntuación.

A concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, explicou que este estudo ten dúas partes. A primeira, de carácter económico e financeiro, divídese á súa vez noutras dúas etapas. A primeira consistirá na revisión do estado de situación das contas dos cinco anos anteriores. "Trátase de ver se os resultados se corresponden ou non coa realidade dos estados de contas", dixo. Analizaranse cuestións como os dereitos recoñecidos, a morosidade, os contratos de xestión indirectos ou o circuíto de gastos, entre outras.

Outra etapa deste estudo financeiro consistirá na proxección de gastos e ingresos para os vindeiros catro anos. Fixaranse "parámetros de eficacia e eficiencia" para conseguir unha serie de obxectivos. Indicou a edil que estes procedementos irán máis alá do Plan Económico e Financeiro. Estimou que os primeiros resultados deste análise se terán antes do 31 de decembro, mentres que para as semas 8 e 16 do contrato xa se contará cunha "auditoría máis precisa".

A segunda parte da auditoría ocuparase de elaborar un plan director que fixará "unhas sinerxías en procedementos e procesos que redunde nunha mellor eficacia e eficiencia", apuntou Cecilia Sierra. Primeiro avaliarase o funcionamento da estrutura municipal, para logo establecer "como podería funcionar mellor". Segundo indicou, búscase unha estrutura máis competitiva, establecer obxectivos e comprobar "a viabilidade, duplicidade e sinerxías entre recursos e servizos do Concello". "Todo pasa por unha modernización", engadiu.

O orzamento de licitación deste estudo económico é de 147.000 euros, dos que o 35% se pagarían en 2011 e o resto en 2012.

Recoñecemento extraxudicial de crédito
Por outra parte, o Goberno local recoñeceu extraxudicialmente o crédito relativo á achega do Concello ao Consorcio de Santiago correspondente a 2010. A voceira do Goberno local, Paula Prado, lembrou que o Concello vén incluíndo nos seus orzamentos anuais a consignación para facer fronte ás obrigas económicas que lle corresponden como membro do Consorcio. No exercicio 2011 incorporouse crédito para estes fins por un importe de 1.652.000 euros, correspondentes á achega municipal de 2010.

"Tendo en conta que estamos en 2011, anualidade distinta da correspondente á achega e co obxecto de regularizar as relacións entre o Consorcio e o Concello, como consecuencia do principio de anualidade orzamentaria, procedeuse á aprobación deste recoñecemento", explicou.

Tamén en materia de Facenda, iniciouse o expediente para contratar un servizo de elaboración dun diagnóstico económico-financeiro e análise da situación de xestión e operativa dos diferentes servizos do Concello de Santiago e deste no seu conxunto.

Centros Socioculturais
A proposta do concelleiro de Centros Socioculturais, denunciouse o aluguer do local da rúa dos Vilares que viñan usando as asociacións veciñais Alexandre Bóveda e A Ponderosa, así como a Coral. Contando co seu visto bo, as tres trasladaranse ao Centro Sociocultural de Vite.

Paula Prado apuntou que, non obstante, o Concello terá que pagar o aluguer deste local ata febreiro de 2012 (600 euros ao mes), por canto non se incluíran cláusulas de resolución no contrato. Neste sentido, lamentou outro caso, o do centro de Viso, polo que haberá que pagara ata 2015, por non existir tampouco cláusulas de resolución.

Persoal
No ámbito de Persoal, aprobouse a modificación do Plan de Formación Continua do Concello para 2011, realizando un reaxuste dos cursos en función da demanda, de acordo coa Xunta de Persoal. Estas modificacións permitiron un aforro de 6.700 euros respecto ao orzamento inicial, deixándoo en 141.814 euros. Contémplanse novos cursos para a Policía Local e os Bombeiros, que se están a perfilar en conversas coa Academia Galega de Seguridade.

Ademais, estimouse parcialmente un recurso de reposición contra o proceso selectivo para cubrir unha praza de licenciado en Dereito con formación en estranxeiría na Unidade de Atención ás Migracións (UAMI). Declárase pois a nulidade do proceso.

Tráfico
Outro dos acordos foi o inicio do proceso de contratación dun servizo de radicomunicación trunking de voz e datos para o Concello. Trátase de mellorar o sistema de comunicación inhalámbrica, de forma que se moderniza o servizo e se reduce o gasto en telefonía móbil, sistema ao que debían recorrer os axentes da Policía Local pola falta de cobertura en diversas partes do municipio.

Urbanismo
Finalmente, acordouse interpor un recurso contencioso-administrativo contra a resolución do Xurado de Expropiación Forzosa no expediente de expropiación da DM-6 ZL 85 en Triacastela. Tal como indicou Paula Prado, o xurado establecera un prezo xusto de cada unha das parcelas (349-359 euros/metro cadrado) moi por riba do que o técnico municipal determinara (60 euros/metro cadrados). Por iso o Concello presentou un requirimento previo de anulación perante o Xurado o 9 de setembro, sen que ata a data houbera resposta expresa. Por tal motivo, o Concello interpón recurso contencioso-administrativo contra a resolución do devandito xurado.

Documentos relacionados



Compartir: