MEDIO RURAL

O Concello explica aos representantes veciñais do Romaño, A Gracia e A Peregrina o trazado da variante de Aradas

15/10/2011 O concelleiro de Medio Rural, Luis García Bello, reuniuse no Centro Sociocultural da Peregrina coas directivas das asociacións de veciños da Gracia, "Río Sarela" da Peregrina e "Ponte do Romaño" do barrio do mesmo nome.

Nesta xuntanza informativa, o concelleiro estivo acompañado por outros concelleiros e un técnico municipal, quen explicou e fixo entrega aos representantes veciñais a documentación sobre a variante de Aradas. Nestes intres, o proxecto está en trámite de información pública, razón pola cal se convocou este encontro.

A variante de Aradas é un proxecto enmarcado no plan Move, no que a Xunta de Galicia inviste preto de seis millóns de euros e que premitirá o acceso dende a estrada de Carballo ao Polígono do Tambre, desviando un gran volume de tráfico que agora circula polo barrio de Vite. A intervención contempla a construción dun viaduto á altura do río Sarela, así como un carril para vehículos lentos na marxe dereita. O vieiro terá unha lonxitude de 1,6 quilómetros e suporá unha importante mellora tanto no tráfico como na seguridade viaria. Así, os traballos oriéntanse, por unha parte, a melloras nos accesos radiais, completando a circunvalación da cidade e, por outra, á mellora da funcionalidade distribuidora do viario interior.

A resolución pola que se somete a información pública o proxecto de trazado e impacto ambiental foi publicada no Diario Oficial de Galicia de 30 de setembro, polo que as persoas interesadas poderán coñecer o expediente aprobado inicialmente e realizar as alegacións que estimen oportunas nun prazo de 30 días hábiles a contar dende a data de publicación no DOG. O expediente desta obra estará exposto ao público na Dirección Xeral de Infraestruturas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no Servicio de Infraestruturas da Coruña e no Departamento de Urbanismo do Concello. Ademais, dende a páxina web da Consellería de Medio Ambiente pódese consultar un documento resumo no proxecto de trazado.

Compartir: