CONSORCIO

A exposición "Cerimonial, festa e liturxia na Catedral de Santiago" abre as súas portas

14/10/2011 A igrexa de San Domingos de Bonaval acolle unha nova exposición conmemorativa do oitavo centenario da consagración da Catedral de Santiago. Baixo o título Cerimonial, festa e liturxia na Catedral de Santiago, a mostra reúne un bo número de pezas procedentes do tesouro da basílica xacobea, todas elas testemuñas da importancia deste espazo como santuario apostólico e como meta do máis importante camiño de peregrinación en Europa.

A exposición quere ser un reflexo da vida cotiá nun templo das características da Catedral de Santiago, cunha marcada orixinalidade e singularidade que foi conformando un tipo concreto de cerimonial e liturxia, así como unhas solemnidades e festexos especiais, relacionados co culto ao Apóstolo Santiago.

A exposición está organizada polo Consorcio de Santiago e polo Cabido da Catedral e conta como comisarios co deán da Catedral, José María Díaz, e co director do Museo da Catedral, Ramón Yzquierdo Peiró.

Con pezas procedentes do Museo e Arquivo da Catedral de Santiago e a colaboración dos Museos das Peregrinacións e de Santiago, de León ou dos Camiños de Astorga, entre outros, a mostra realiza un percorrido polo cerimonial compostelán, desde as orixes do Locus Sancti Iacobi ata a actualidade, pasando polo renacemento e os esplendores do barroco. Tamén hai un lugar especial para o cerimonial no Camiño de Santiago: a saída do peregrino, o cerimonial de despedida, o encontro no camiño co milagre, as reliquias, os monxes, centros de hospitalidade, a praza do paraíso en Compostela e a propia Catedral, símbolo da Xerusalén Celeste, escenificando no abrazo ao Apóstolo, a vixilia ante o altar maior, a visita a outras reliquias da Basílica Xacobea ou a doazón de exvotos.

Viaxe no tempo
A través dunha orixinal distribución de espazos recreados no interior da igrexa de Bonaval, a exposición convértese nunha viaxe no tempo dividida en varias secuencias. Comeza o percorrido cunha representación de ofrendas que personaxes ilustres e peregrinos de todos os lugares trouxeron ata Compostela e que hoxe forman parte da vida cotiá da Catedral, un día a día representado na segunda das estancias, na que se expoñen vestiduras, libros e obxectos litúrxicos que aínda hoxe se poden ver nalgunha solemnidade. O Botafumeiro saúda na terceira parte do percorrido, no que se fai referencia aos ritos que na Catedral se desenvolven dende tempos inmemoriais: o abrazo ao Apóstolo, a visita ao sartego, a apertura da Porta Santa; e os outros ritos, os do Camiño e os dos peregrinos. Continúa a exposición repasando a historia da sede metropolitana de Santiago a partir dos seus prelados, en especial dos arcebispos e do cabido catedralicio.

A relación entre Santiago e os Papas e coa monarquía española é o eixo dun novo espazo. E por último, dous apartados permitirán adentrarse na festa e na música da Catedral: os Anos Santos, as festas do Apóstolo cos seus fogos e os mestres de capela que fixeron da basílica xacobea un dos principais centros difusores de cultura ao longo dos séculos.

De forma complementaria, vaise publicar un catálogo da exposición, no que, ademais da reprodución de cada unha das pezas expostas, inclúese unha serie de textos e investigacións arredor dos tempos litúrxicos na Catedral, as vestimentas dos prelados, as festas en honra a Santiago, os ritos e a música na Catedral ou a relación de Santiago cos Papas e os Reis ao longo dos tempos, entre outros temas.

Cerimonial, festa e liturxia estará aberta no interior da igrexa de San Domingos de Bonaval, e súmase á exposición A Catedral de Santiago, corazón de Compostela, mostra divulgativa do Plan Director da Catedral situada no Pazo de Xelmírez, tamén conmemorativa do 800 Aniversario da Catedral.

A mostra foi inaugurada nun acto no que participaron o alcalde e presidente do Consorcio, Xerardo Conde Roa; o deán da Catedral, José María Díaz; o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; e o director do Museo da Catedral e comisario da exposición, Ramón Yzquierdo.

Compartir: