EDUCACIÓN

O CEIP Apóstolo Santiago acollerá un ano máis o curso de educación de adultos da Fundación Radio ECCA

14/10/2011 O concelleiro de Educación, Ángel Currás, e a coordinadora de Radio ECCA na provincia da Coruña, Marisol Pérez, presentaron o curso de educación de adultos da Fundación Radio ECCA, cuxas clases acollerá o CEIP Apóstolo Santiago. O obxectivo desta formación é a obtención do título de Graduado en Secundaria, estudando dende a casa e con dúas clases presenciais á semana.

Ángel Currás considerou "digno de eloxio" o traballo que realiza a Fundación Radio ECCA, lembrando que "unha responsabilidade e obriga das Administracións é facer chegar a educación a todos". Explicou que as clases para a preparación da proba libre do Graduado en Educación Secundaria levaranse a cabo os martes e os xoves en horario de 19:00 a 21:00 horas. A presentación do grupo de Santiago realizarase o xoves 20 de outubro, ás 19:00 horas, no Apóstolo Santiago.

A representante de Radio ECCA agradeceu a cesión da aula e a publicidade desta oferta educativa, cuxa metodoloxía de traballo se basea nun sistema presencial apoiado en tres piares: o material escrito, a clase gravada e a clase presencial.

O alumnos recibe un material escrito e uns CDs coas clases gravadas. Unha vez escoitadas as clases semanais e cuberto o material escrito, asiste a catro horas semanais de clase. Alí acláranse dúbidas e realízanse exercicios de repaso.

A matrícula para as probas libres que realiza a Xunta de Galicia ten dúas convocatorias, en xuño e en setembro. No último proceso de matrícula inscribíronse 20 alumnos e alumnas de Santiago. O exame para a obtención to título na ESA prepárase a través de tres ámbitos: científico tecnolóxico (matemáticas, ciencias naturais e tecnoloxía); sociedade (xeografía, historia, arte e música); e comunicación (lingua galega, lingua castelá e unha lingua estranxeira). É necesario superar os tres ámbitos no exame.

Radio ECCA
Ademais da preparación para o Graduado en Educación Secundaria, Radio ECCA desenvolve outras actividades formativas de normalización lingüística, orientación e inserción sociolaboral, sensibilización ou formación en novas tecnoloxías. Tamén realizan curso monográficos de estimulación temperá, formación en manipuladores de alimentos, prevención de malos tratos ou atención domiciliaria.

A Fundación, sen ánimo de lucro, naceu en Canarias e está en Galicia dende hai 40 anos. Dispón dunha rede de centros de educación permanente para adultos nas principais cidades de Galicia.

Direcciones relacionadas



Compartir: