CULTURA

A Banda ofrecerá 26 concertos dominicais e 11 didácticos na nova temporada

14/10/2011 A temporada 2011-2012 da Banda Municipal de Música trae 26 concertos dominicais e 11 concertos didácticos entre os meses de outubro e maio. A formación interpretará por primeira vez ata 57 obras, nun calendario que inclúe ciclos dedicados a novos intérpretes e compositores galegos e a presenza de importantes directores convidados.

O concelleiro de Cultura, Ángel Currás, e do director da Banda, Xosé Carlos Seráns, presentaron esta nova temporada. O primeiro indicou que "malia a imposibilidade de contratar novos músicos (ten 37 na actualidade), quero que a Banda teña o papel cultural que lle corresponde e o papel social que tivo dende as súas orixes". Cara o futuro, expresou o seu desexo de que a formación volva a tocar tamén no palco da Alameda.

Carlos Seráns recolleu o testemuño do concelleiro e anunciou que existe a intención de realizar algún concerto na Alameda en xuño e setembro. Xa sobre a nova temporada, destacou o máis salientable dos 26 concertos dominicais e 11 didácticos que vai ofrecer a Banda no Teatro Principal, aos que hai que sumar un concerto especial de Nadal no Auditorio de Galicia.

Haberá un Ciclo de Xóvenes Intérpretes Galegos, que levará ao Principal aos músicos solistas André Cebrián Víctor M Vilariño, Carlos Seráns, Jorge García-Reynoso, Amalia Ónega, Irene del Río, e Daniel Ruibal. Tamén terán un programa propio os novos compositores galegos e tampouco esta vez faltarán directores convidados: Manuel Bonachera, director da Orquestra Femenina da Comunidade Valenciana; Rafael Sanz, director da Banda Municipal de Música de Bilbao; e Juan Giménez, director da Banda Municipal de Música de Palma de Mallorca.

A programación complétase cos 11 concertos didácticos e con 12 ensaios abertos ao público. O director da Banda destacou tamén o labor de recuperación do arquivo da formación que vén realizando. Algunhas desas pezas recuperadas serán parte das 57 que a orquestra tocará por primeira vez.

Compartir: