CULTURA

Teatro El Cruce presenta "A colmena científica ou o Café de Negrín" no Principal

13/10/2011 Teatro El Cruce chega o venres 14 a Compostela para representar A colmena científica ou o Café de Negrín dentro do ciclo Teatro en Xira, que trae o mellor teatro que está a xirar pola Península. A obra poderá verse a partir das 21:00 horas, e tamén o sábado 15 á mesma hora. As entradas, a un prezo de 12 euros en butaca, platea e primeira planta; 8 euros na segunda planta e 6 euros no anfiteatro, xa están á venda na billeteira virtual de Caixa Galicia e os días de función na propia billeteira do Principal.

A colmena científica ou o café de Negrín, de Teatro El Cruce, que está dirixida por un dos directores máis reputados do teatro español, Ernesto Caballero, recrea desde unha óptica actual a historia da Residencia de Estudantes de Madrid. Conmemorando o Centenario da Residencia no Consello Superior de Investigacións Científicas, asistimos ao reencontro de científicos e pensadores da España dos anos 20-30, nun laboratorio desvencellado e fronte a unha pizarra que se transforma con tecnoloxía multimedia nunha "ventá máxica" que evoca a España de hoxe.

O espectáculo é un convite á reflexión sobre os logros conseguidos por todos aqueles que, por riba das súas diferenzas ideolóxicas e de conxunturas difíciles, están unidos pola paixón común de adicar os seus esforzos e ilusións ao traballo para o progreso colectivo; e ver que case un século despois, se foi facendo realidade o que, no seu momento, parecían utopías.

Dentro do ciclo Teatro en Xira puidemos gozar xa de Razas, de David Mamet, texto que viña de triunfar en Broadway, e que chegou a Compostela adaptado e dirixido por Juan Carlos Rubio e protagonizado por Toni Cantó e Bernabé Rico; de A muller xusta, do dramaturgo Sandor Márai, adaptada por Eduardo Mendoza e posta en escena por Tanttaka Teatroa; de A gata sobre o tellado de zinc quente, de Tennessee Williams, posta en escena por Teatre Lliure Grácia; e dunha das producións comerciais do momento de maior calidade, Crime perfecto.

Despois de A colmena científica ou o café de Negrín, para decembro queda a aposta máis arriscada do ciclo, Torvaldo furioso, dirixida polo vigués Lino Ferreira, de El Óbolo Producciones, unha compañía novel que se pode encadrar dentro da chamada "xeración La Abadía" de profesionais da escena que se formaron ao abeiro desta "casa do teatro" madrileña.

Compartir: