EMPREGO

Confirmadas xa máis de 100 ofertas de traballo na I Feira Internacional de Emprego

11/10/2011 A Concellaría de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego de Santiago de Compostela, organizadora da primeira edición da Feira Internacional de Emprego (FIE) en colaboración coas entidades asinantes do Pacto Local polo Emprego (PALE), que terá lugar os días 3 e 4 de novembro no pavillón Multiusos Fontes do Sar, conta xa cos primeiros datos de participación, tanto no referido a demandantes de emprego como a empresas ofertantes de postos de traballo.

Empresas de todos os sectores de actividade laboral, como tecnoloxía, banca, formación, comunicación, seguros, comercio, servizos ou sanidade tomarán parte na FIE. Ata o momento, un total de 21 empresas, entre as que destacan firmas como El Corte Inglés, Seguros Bilbao, Tecnocom, Duatel, Egasa, Noyamovil ou Aquagest, confirmaron xa a súa participación neste evento. O número de ofertas de traballo presentado polas empresas ascende ata o momento a 112.

Ata o 21 de outubro, dez días antes do comezo da Feira, os interesados en participar nos procesos de selección laboral deben inscribirse na páxina web FIE, axuntando o seu currículo.

O departamento de Emprego do Concello preseleccionará entre os candidatos aqueles que se axusten ao perfil de cada oferta, cun número mínimo de 3 candidatos por posto. Os seleccionados polas empresas participantes realizarán unha entrevista de traballo os días 3 e 4 de novembro. Ata o momento, un total de 714 persoas, das que 397 son mulleres e 317 son homes, formalizaron xa a súa inscrición on-line.

Con estes primeiros datos, a I Feira Internacional de Emprego de Santiago de Compostela reafírmase na súa vocación de servir como instrumento de dinamización da economía local, dando a coñecer as oportunidades de emprego, os requisitos e competencias que demanda o mercado laboral, e proporcionando información para mellorar a situación laboral da cidade.

FIE Exposición
Xunto a diversos servizos, como a recepción, a zona multimedia, o espazo de prensa ou a zona de descanso/networking, a Feira Internacional de Emprego habilitará ás empresas e entidades participantes cadanseu expositor propio con espazo para ofertar os seus servizos e manter un contacto directo cos asistentes. Nel poderán informar sobre as súas actividades, programas de emprego, prácticas ou bolsas, ademais de recoller currículos para procesos futuros de selección e contratación.

Programa das xornadas
Por outra banda, as instalacións do Multiusos do Sar servirán tamén para realizar un bo número de actividades paralelas, nunhas xornadas tituladas ‘Os Novos Mercados de Traballo e as Estratexias Innovadoras para a Busca de Emprego’. Nos vindeiros días darase a coñecer o programa completo destas xornadas, de carácter gratuíto, que contarán coa participación de diversos especialistas en temas relacionados co ámbito laboral: dende técnicas de mellora da imaxe persoal, automotivación ou coaching persoal, ata novos métodos de busca efectiva de emprego ou experiencias laborais noutros países.

Compartir: