BENESTAR SOCIAL

Nova edición do curso "Arte e saúde: arteterapia", dirixido desta vez a nenos

11/10/2011 Vén de iniciarse unha nova entrega do curso Arte e saúde: arteterapia, organizado pola Concellaría de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), e subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo. Se noutras ocasións este tipo de curso dedicouse a distintos colectivos de mulleres, desta vez diríxese a nenos e nenas.

Ismael Rodríguez Fraga (Arteterapeuta Hauschka) imparte este curso para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, divididos en dous grupos reducidos. Realizarase durante os meses de outubro e novembro na Casa das Asociacións de Benestar Social.

O obxectivo deste curso é crear un espazo onde os menores se poidan expresar con liberdade, favorecendo o descubrimento da súas propias capacidades e potenciando así a súa autoestima. As sesións son tamén un instrumento para potenciar unhas relacións interpersoais sas e para favorecer a recuperación dos proxectos vitais dos rapaces.

A metodoloxía do curso é activa e participativa, traballando áreas coma o ritmo (respiración correcta), para favorecer a fluidez e evitar estancamentos. Ademais, contribúese ao dinamismo a través dos procesos creativos propostos e a estimular o contacto co outro, o achegamento, mediante xogos e dinámicas sociais. Nas sesións tamén se utilizan ferramentas literarias como fonte de valores, empregando a palabra como mecanismo de comunicación.

Compartir: