URBANISMO

A concelleira de Urbanismo recorda aos cidadáns a existencia dunha tramitación áxil para a apertura de actividades

10/10/2011 A concelleira de Urbanismo, Rehabilitación e Cidade Histórica, María Pardo, compareceu en rolda de prensa para recordarlle aos cidadáns que dende hai meses está en vigor unha nova ordenanza de tramitación de actividades. Esta norma exime do trámite de licenza a determinados establecementos, substituíndoa por unha comunicación previa ou declaración responsable.

María Pardo explicou que, malia estar en vigor esta ordenanza, a maior parte dos cidadáns que queren abrir un negocio seguen recorrendo á solicitude de licenza tradicional. Por iso considerou necesario insistir na conveniencia de utilizar a nova tramitación, moito máis áxil e rápida, con impresos e documentación específica a disposición dos cidadáns tanto a través desta web como da Oficina de Atención ao Cidadán.

Ademais, indicou e edil, transmitíuselle ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (GOAG), a necesidade de que emitan unha circular aos seus colexiados informando desta ordenanza. Tamén se comprometeu tamén a, unha vez realizada a ordenación do Departamento de Urbanismo, axilizar aínda máis os prazos, sobre todo no relativo ás tarefas de inspección que debe realizar o Concello unha vez presentada a declaración ou comunicación.

A ordenanza é de aplicación en todo o ámbito municipal. Clasifica as actividades en tres tipos, establecendo os supostos nos que se poderá desenvolver unha actividade ou prestar un servizo en réxime de comunicación previa ou declaración responsable, e tamén aqueles supostos nos que se mantén a necesidade de obter unha licenza previa ou autorización municipal, xustificándose, neste caso, cal é o interese público que determina dita necesidade, ben sexa por cuestións relativas á protección do medio ambiente, ou do patrimonio histórico-artístico, a seguridade ou a saúde públicas, ou que impliquen o uso privativo e a ocupación dos bens de dominio público. No caso das dúas primeiras, as actividades non quedan exentas de solicitar a licenza de obras, si estas son de carácter maior.

Así, tendo en conta estes criterios, inclúense nas actividades sometidas ao trámite de comunicación previa ou de declaración responsable aquelas que polo seu carácter inocuo non se estima poidan afectar algún dos bens protexidos como o medio ambiente, o patrimonio histórico, a seguridade ou a saúde pública. A documentación a presentar en cada caso é distinta.

Comunicación previa
Están sometidas ao trámite de comunicación previa as seguintes actividades: actividades de carácter non mercantil ou industrial das que sexan titulares os órganos da Administración pública; postos da praza de abastos ou mercados municipais, agás aquelas actividades suxeitas a licenza de apertura ou autorización previa; antenas de telefonía ou semellantes, agás as situadas no ámbito de aplicación do Plan especial 1, en inmobles catalogados polo Plan xeral de ordenación municipal ou en ámbitos suxeitos á previa autorización da administración competente en materia de protección do patrimonio histórico-artístico; locais comerciais ou de servizos cunha superficie construída menor de 100 metros cadrados; academias de ensino ata 150 metros cadrados de superficie construída, agás academias de baile, música ou canto; centros destinados ao culto relixioso; actividades profesionais que se desenvolvan en locais ou establecementos que non excedan de 150 metros cadrados de superficie construída; oficinas ou locais pertencentes a entidades sen ánimo de lucro, sempre que non desenvolvan actividades mercantís ou industriais; pensións dunha, dúas e tres estrelas; garaxes de uso privado non autorizados coa licenza de edificación con capacidade inferior a cinco prazas e unha superficie que non supere os 100 metros cadrados; aparcadoiros e exposición de vehículos ao aire libre sen límite de prazas nin superficie; cambios de titularidade.

Nestes casos, a licenza será substituída por unha comunicación previa, que se traduce en realidade en que o propietario deberá comunicar a apertura nun prazo de 15 días, para que o Concello proceda á inspección.

Declaración responsable
Noutro tipo de establecementos o requisito é unha declaración responsable. Son: locais comercias ou de servizos entre 100 e 400 metros cadrados de superficie e 15 Kw de potencia mecánica instalada; despachos profesionais de máis de 150 ata 400 metros cadrados de superficie e 15 Kw de potencia mecánica instalada; establecementos hoteleiros ata 25 prazas sen cafetería ou restaurante; centros docentes, centros de educación infantil, primaria e secundaria, agás os centros incluídos no Decreto 329/2005 da Xunta de Galicia. Aqueles centros docentes que dispoñan de instalacións tales como cociñas, piscinas, depósitos de combustible, etc, que requiran licenza de actividade ou de apertura deben proceder a formalizar a correspondente solicitude; actividades industriais, talleres artesanais e similares, cunha Qs igual ou menor a 42 MJ/m2 e una superficie útil menor ou igual a 60 metros cadrados; actividades de almacenamento de obxectos e materiais sempre que a súa superficie sexa menor de 500 metros cadrados e a súa Qs sexa menor de 425 MJ/m2, agás as de produtos químicos ou farmacéuticos, combustibles, lubricantes, fertilizantes, praguicidas, herbicidas, pinturas, vernices, ceras ou pneumáticos; actividades de almacenamento de produtos petrolíferos, químicos con recipientes de presión ou con produtos químicos que non necesiten proxecto técnico segundo a normativa específica de aplicación; centros de diagnóstico e laboratorios de análises clínicas sen manipulación de produtos inflamables nin contaminantes; e actividades agropecuarias relacionadas no anexo III do Decreto 133/2008.

As actividades excluídas destes dous ámbitos deberán seguir solicitando a pertinente licenza de apertura.

Compartir: