TRÁFICO

O Concello propón a Fomento cambios na sinalización para mellorar a fluidez da saída da autopista AP-9 en San Lázaro

07/10/2011 O concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico, Albino Vázquez Aldrei, amosou a súa satisfacción polos resultados das medidas provisionais postas en marcha na rotonda de Conxo para mellorar a mobilidade. Ademais, anunciou novas medidas para mellorar a fluidez do tráfico no Ensanche e na saída da autopista AP-9 por San Lázaro.

A prohibición de xiro á esquerda na rotonda de Conxo para os vehículos procedentes deste barrio está a provocar unha "razoable melloría da mobilidade na zona", especialmente no tráfico de saída, malia recoñecer que se segue a producir algunha retención en horas punta. Indicou a modo de dato que o venres 30 pasaron entraron na cidade a través da rotonda 28.430 vehículos e saíron 30.462.

A propósito do prexuízo causado aos veciños que deben ir ata o cuarto xiro de Cornes para dirixirse ao sur ou á avenida de Ferrol, apuntou que unicamente se produce unha perda en torno a dous minutos, compensada polo aforro de tempo á volta.

Sobre esta medida temporal falou o concelleiro co Ministerio de Fomento. Continuará polo momento o impedimento de xiro, intentando mellorar tamén o funcionamento dos tempos dos semáforos. Pero Albino Vázquez insistiu en que esta é "unha medida a curto e medio prazo", xa que a solución definitiva pasa por un novo paso inferior. Indicou que o proxecto xa está feito, que custará uns 5 millóns de euros, pero que "depende da existencia de orzamento e da vontade política" construílo.

O edil tamén falou con Fomento da saída da AP-9 por San Lázaro, que nas xornadas e horas punta está sendo regulada pola Policía Local. Trasladoulle aos técnicos do Ministerio unha proposta de mellora da sinalización horizontal nesta saída, de tal forma que se evite o cruce de carrís entre os vehículos procedentes de Pontevedra e os que chegan da Coruña. Segundo indicou, "non permitir o cruce de vehículos aumentaría velocidade e aliviaríanse as retencións".

Acceso ao polígono do Tambre e mantemento do túnel do Hórreo
O terceiro tema tratado con Fomento foi a entrada do Polígono do Tambre. Tamén neste caso recordou que está feito o proxecto de duplicación da ponte de acceso, cun custo de 1,5 millóns de euros, pero que a construción do mesmo depende igualmente "da vontade política".

Ademais, anunciou que en breve se licitará un plan de mantemento preventivo do túnel do Hórreo, que lle corresponderá realizar ao Concello.

Novos semáforos no Ensanche
Outra medida para mellorar a mobilidade, pero neste caso no Ensanche, será a colocación de semáforos nos cruces da rúa República do Salvador con Xeneral Pardiñas e Doutor Teixeiro. Adoptouse esta medida tras chegar á conclusión de que as retencións que se producen nesta parte da cidade están motivas polo paso continuo de peóns nas horas de saída dos colexios e de maior actividade comercial.

Compartir: