REHABILITACIÓN

As obras do Sar estarán rematadas antes do Nadal

03/03/2006 A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, xunto ao alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitaron o venres 3 de marzo as obras que está a realizar o Consorcio no barrio do Sar.

Trátase da segunda fase da obra, que conta cun orzamento de 953.363 euros, e comprende o tramo que vai desde ponte do ferrocarril á rúa do Olvido. O prazo de execución é de 12 meses. Está prevista a súa conclusión para antes do Nadal.

O deseño da obra segue a liña desenvolvida durante a primeira fase. Así, estanse a ampliar as beirarrúas para unha mellor accesibilidade. Ao remate das obras, a calzada terá 6 metros de ancho, desaparecerán os aparcamentos, agás en dous tramos con capacidade para tres prazas, e colocaranse dúas baterías de contadores soterrados.

En canto á iluminación, manterase a existente ata o momento, renovando a que presente mal estado e procederase ao balizamento do espazos peonís. Por outra banda, reformarase o patín de acceso ás vivendas contiguas á Avda. de Lugo, o que permitirá un mellor acceso desde a propia avenida coa supresión do tránsito rodado nese tramo. Así mesmo, realizarase un tratamento especial para as dúas pontes existentes, a do periférico e a do ferrocarril, cun tratamento de madeira e falso teito no panel superior e de lousas de pizarra nos paneis das paredes.

Compartir: