EDUCACIÓN

Máis actividades formativas e divulgativas no novo curso da Escola Municipal de Música

05/10/2011 O concelleiro de Educación, Ángel Currás, presentou a programación da Escola Municipal de Música para este curso 2011-2012. A nova temporada incorpora novas propostas formativas e máis actividades divulgativas, co obxectivo de "facer da Escola un referente" e de reforzar o seu papel "formativo, cultural e de colaboración con outras institucións da cidade".

Recordou o concelleiro que este ano se incrementou nun 50% o número de matriculados, pasando de 198 a 298 alumnos. Ademais, agradeceu o labor do equipo directivo da Escola e dos seus 18 profesores, que realizan "un traballo serio e comprometido que vai a máis".

A maiores deste labor formativo e divulgador, Ángel Currás anunciou que a Escola vai ter mobiliario novo. Tamén se mellorará a presenza da Escola na sinalización da cidade e nas rutas do transporte urbano. E como estímulo para os propios alumnos, o Auditorio de Galicia facilitará entradas para que poidan asistir aos concertos do programa de abono.

Xa volvendo ao aspecto propiamente formativo, apostou pola posta en marcha da especialidade de danza, da que dixo que hai demanda na cidade. Indicou que a formación da danza precisa un espazo e expresou o seu desexo de poder utilizar a Sala Yago para este fin. Outro dos seus obxectivos é "crear algún grupo de danza".

Obradoiros e clases maxistrais
De explicar a programación encargouse a directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez, que destacou en primeiro lugar o obradoiro de canto prenatal. Celebrarase en novembro e está dirixido a mulleres embarazadas e ás súas parellas ou familiares.

Para os nenos e nenas de 3 a 7 anos haberá un curso de violín. É a primeira vez que na Escola se realiza un curso deste tipo. O profesor Mario Diz encargarase desta formación.

O concelleiro de Educación salientou tamén a colaboración que a Escola quere manter con outras institucións educativas e musicais da cidade. Nesta liña están as clases maxistrais que se desenvolverán a partir de xaneiro nas especialidades de violín, violoncello e saxofón. Impartirán estas clases integrantes da Real Filharmonía de Galicia e profesores de conservatorios galegos.

A colaboración esténdese tamén á Asociación de Profesores de Música de Secundaria e Bacharelato, participando nas III Xornadas Galegas do Ensino Musical, que se celebrarán os días 4, 5 e 12 de novembro. O capítulo dos obradoiros péchase cun curso de formación para o profesorado en xaneiro.

Concertos didácticos
A parte divulgativa medrará substancialmente no novo curso, comezando polo ciclo de concertos didácticos nos centros escolares a partir de marzo. Ademais, a Escola levará a súa música a diferentes espazos da cidade nas mañás dos domingos. E a partir do mes de xaneiro, as agrupacións do centro (banda e orquestra de corda) realizarán diversas actuacións o último sábado de cada mes, a partir das 19:30 horas, en prazas da cidade.

Xa na propia Escola, desenvolveranse diferentes concertos monográficos ao longo do curso. Versarán sobre compositores como Bela Bartok ou Erik Satie, entre outros.

Escolas infantís e Haendel
Este curso tamén haberá un proxecto específico coas escolas infantís municipais, coa posta en marcha dunha aula de música itinerante para introducir aos máis pequenos no desenvolvemento auditivo e musical. Este labor complementarase cun material didáctico sobre o que se traballará previamente nos centros escolares.

Outro proxecto novidoso é o denominado Reais lumes de artificio. En abril, a Escola adaptará esta obra de Haendel para banda, orquestra de corda e coros. Este programa permitirá afondar no estudio da música barroca.

Finalmente, Sara Domínguez adiantou algún detalle do que será un ciclo de música de cámara a celebrar a partir de xaneiro, os primeiros venres de cada mes. Neste proxecto mesturaranse músicos profesionais e noveis en diferentes formacións.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: