INFRAESTRUTURAS

A Escola Infantil de Salgueiriños contará cunha área de estacionamento

04/10/2011 A concelleira de Obras e Infraestruturas, María Castelao, realizou unha visita á escola infantil de Salgueiriños, actuación incluída no Urbana Santiago Norte, iniciativa financiada con fondos FEDER. Unha vez resoltas algunhas deficiencias atopadas no proxecto, que obrigaron a prorrogar as obras, o seguinte obxectivo do Goberno municipal é poñer en marcha a escola e construír unha área de estacionamento inicialmente non prevista.

Segundo indicou a concelleira, a construción desta zona de estacionamento, malia non estar prevista no proxecto inicial, licitarase en breve e permitirá mellorar a mobilidade e a seguridade no entorno da Escola Infantil de Salgueiriños. A liña de aparcamento situarase na rúa lavadoiro e comprende a marxe da beirarrúa en contacto coa parcela da escola infantil e a polideportiva existente.

Actuarase sobre unha superficie de 273 metros cadrados e o investimento será de 22.115 euros. Esta área de estacionamento permitirá unha maior seguridade e comodidade para os pais que cada día deixarán os seus fillos na escola. Deste xeito evitarase que os vehículos invadan as beirarrúa e entorpezan o tráfico neste ámbito de Meixonfrío nas horas de recepción e saída dos pequenos.

Compartir: