MERCADOS

A Feira Medieval do 2012 afondará na historia de Santiago e chegará a máis partes da cidade

04/10/2011 A concelleira de Mercados, Reyes Leis, fixo balance da Feira Medieval celebrada do 30 de setembro ao 2 de outubro. Cualificouna de "éxito total", tanto pola afluencia de público como pola satisfacción expresada por veciños, comerciantes e hostaleiros. Esta foi unha Feira de transición cara unha edición de 2012 totalmente renovada e na que xa se está a traballar.

Da Feira Medieval deste ano, na que participaron 109 postos (60 deles galegos) e 300 persoas, Reyes Leis destacou a "oferta variada de artesáns" e o "respecto a hostaleiros, comerciantes e veciños", motivo polo que felicitou ao responsable da empresa organizadora, Juan José García, que a acompañou na rolda de prensa. A propósito da artesanía, na comparecencia exhibiuse unha peza de cantería elaborada durante a Feira e cedida ao Concello.

Xa coa vista posta na edición de 2012, a concelleira indicou que se seguirá celebrando en temporada baixa e que nela "a historia de Santiago xogará un papel moi importante". Preténdese tamén que a Feira se estenda a outras partes da cidade e non só a unhas poucas rúas. Así, puxo como exemplo o parque de Belvís, como sede de diversas actividades, ou a Praza de Abastos, buscando tamén a implicación dos seus comerciantes na celebración.

Seguirase igualmente promovendo a participación de comerciantes e hostaleiros na Feira. "Queremos que participen, que decoren os seus locais e que ofrezan menús especiais", apuntou a edil. Tamén se destinará un espazo en exclusiva para as actividades infantís.

Compartir: