CULTURA E CENTROS SOCIOCULTURAIS

aCentral Folque leva o ensino da música tradicional aos centros socioculturais

04/10/2011 Os centros socioculturais da Trisca e de Pontepedriña acollerán este curso 2011-2012 as clases das ensinanzas que imparte aCentral Folque. Así o confirmaron en rolda de prensa os concelleiros de Centros Socioculturais, Francisco Noya, e de Cultura, Ángel Currás, e a coordinadora pedagóxica do centro, Gema Pérez.

Ata o 16 de outubro estará aberto o prazo de matrícula para as sete especialidades que imparte aCentral Folque: violín, acordeón diatónico, percusión, zanfona, frauta, gaita e canto. O 27 de outubro comezarán unhas clases que durarán ata mediados de xuño de 2012. No Centro Sociocultural da Trisca impartiranse as clases de violín, acordeón diatónico, zanfona e canto, mentres que o centro de Pontepedriña acollerá as clases de gaita e frautas.

Na presentación desta oferta musical, que o Concello vai apoiar, o concelleiro de Cultura, Ángel Currás, destacou "o papel fundamental que a música xoga na educación". Neste sentido, valorou a oferta de aCentral Folque no ámbito da música tradicional, xa que "este proxecto busca non só enriquecer e difundir a música, senón tamén formar músicos e afondar no coñecemento das músicas"

Neste sentido, a xerente de aCentral Folque destacou que a escola constitúe un "proxecto único en Galicia", por canto ten "profesores artistas e en activo, que entregan a súa enerxía como creadores ao alumnado", formando unha auténtica canteira de músicos en Galicia.

Pola súa parte, o concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, expresou a súa satisfacción por poder levar este tipo de oferta educativa aos centros, na liña de "aproveitar estes espazos para programar o maior número de actividades". A elección de Pontepedriña e da Trisca respondeu á demanda da escola de centrar as actividades no menor número de espazos posible e á dispoñibilidade horaria.

Direcciones relacionadas



Compartir: