ALCALDÍA

O Concello e Compostela Monumental planifican as actividades do Casco Histórico para os vindeiros meses

04/10/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, reuniuse en Raxoi coa directiva da Asociación Compostela Monumental, encabezada polo seu presidente, José Manuel Bello. Na reunión, na que tamén participaron as concelleiras Reyes Leis e María Pardo, falaron, entre outras cuestións, das actividades de dinamización do Casco Histórico a desenvolver nos vindeiros meses.

Conde Roa apuntou a satisfacción que lle produce o nivel de interlocución logrado coa Asociación Compostela Monumental na liña de buscar actividades dinamizadoras da Cidade Histórica, co obxectivo de que esta parte da cidade "poida seguir tendo vida e non se converta unicamente nun espazo de visita rápida". José Manuel Bello agradeceu a receptividade da Corporación aos pequenos comerciantes e expresou o seu desexo de que "estas iniciativas redunden en beneficio de todos". Neste sentido, puxo como exemplo a recente Feira Medieval e a concentración de automóbiles antigos.

Cara o futuro, indicou Bello, "temos moitas propostas" e entre elas citou a posibilidade de montar unha pista de xeo no Casco Histórico para o Nadal, unha iniciativa "pola que levamos moito tempo pelexando". Na planificación das actividades destas datas xa están a traballar o Concello e Compostela Monumental.

Estación depuradora da Silvouta
Preguntado pola futura estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Silvouta, o alcalde afirmou que "estamos intentando chegar a unha solución definitiva con acuaNorte, a compañía estatal que xestiona as depuradoras; estamos no bo camiño". Amosouse consciente da "urxencia" da solución e explicou que "o tema do financiamento está resolto e queda por chegar a un acordo no tema da ubicación".

Compartir: