PROTECCIÓN CIVIL

Entrevista: Manolo Martínez, o rostro de Protección Civil

03/03/2006 Manuel Martínez Ruíz, Manolo "Veciños" para moitos composteláns, recibe á o 4 de marzo, con motivo da festividade do Anxo da Garda, a medalla do Corpo da Policía Local de Santiago en ecoñecemento ao seu exemplar traballo como responsable operativo da agrupación de Protección Civil.

Poucos como este andaluz, nado hai 44 anos en Huesa, na provincia de Jaén, perto "dos cerros de Úbeda" como el mesmo sinala, coñecen o termo municipal de Santiago tan profunda e minuciosamente. A súa interminable e fermosa topografía, pontes, camiños, sendeiros, fontes, manantiais, corredoiras, vertedoiros ilegais... no teñen segredos para Martínez.

E poucos tan próximos ás inquedanzas, necesidades e peculiar idiosincrasia do compostelán, o urbano e o rural. Polo seu sempre afectuoso e respectuoso trato cos veciños que son tamén amigos.

Un dos rostro máis coñecidos polos peregrinos que rematan a súa andaina na cidade a aos que atende cos seus compañeiros de Protección Civi, amigo dos seus amigos e mesmo dos seus enemigos –se os tivera- para este andaluz de de nacemento e compostelán de corazón recibir esta condecoración da Policía Local e un orgulllo, unha honra e un estímulo no seu traballo

Canto tempo levas traballando en Protección Civil?
Máis de 15 anos. Empecei como voluntario dende moi pequeno. Meu pai xa colaboraba con REMER, a Rede de Radio Emerxencia. Antes de que existiran as actuais asociacións de voluntarios eran os radioafecionados os encargados de recoller os avisos de emerxencia.

Que actividades realiza Protección Civil?
Realizamos de todo. Axudamos a garantir a seguridade en todos os actos públicos que se celebran na cidade, actos deportivos, culturais, inspección do Camiño de Santiago e axuda aos peregrinos. Participamos na búsqueda de persoas desaparecidas, no rescate de animais, pero sempre colaborando coa Policía Local, coa Garda Civil, cos Bombeiros ou co equipo de profesionais que corresponda en cada actuación. Unha das últimas actuacións foi levando mantas cando explotou a pirotecnia en Calo.

De todos os actos nos que participades ¿cal é o máis difícil de cubrir?
O peor é o Antroido. Todo o mundo está de festa e nós temos que gardar as formas.

¿Que é o mellor e o peor de ser voluntario de Protección Civil?
O mellor é poder axudar aos demais. Ser voluntario é unha actividade moi satisfactoria, moi gratificante. O peor é que en ocasións non podemos atender a todos os que nos chaman, somos un colectivo pequeno en relación coas demandas que recibimos. Non só atendemos aos cidadáns que se poñen en contacto directo con nós, senón que recibimos avisos do 112 ou cando a Policía Local ou a Garda Civil están colapsadas, estes corpos reclaman a nosa participación e confían en nós para realizar algunhas tarefas.

En tantos anos de voluntario haberá moitas anécdotas, ¿poderías dicir unha positiva e outra negativa?
É difícil ten que escoller algunha. Unha anécdota que se repite moito e que para min é moi significativa é a cara que poñen os peregrinos cando, nun día de moito calor, lles das un vaso de auga. Tamén é moi gratificante cando participas na búsqueda dunha persoa desaparecida e esta aparece en boas condicións físicas pero é duro cando esa persoa non aparece ou aparece morta. Hai momentos moi gratificantes pero tamén os hai difíciles, duros e tensos.

A xente recoñece a importancia do voso traballo?
Sí, pero non só o recoñece a sociedade civil senón que tamén a Policía Local, a Garda Civil e as autoridades. Nalgunhas ocasións cando prestamos un servizo como pode ser acompañar a un grupo de minusválidos de excursión ou vixiar que todo transcorra con normalidade, por exemplo na carreira pedestre que se celebra tódolos anos, recibes cartas de agradecemento dos organizadores do acto ou dos mesmos participantes na actividade e eso é moi gratificante.

Que che aporta persoalmente ser voluntario?
Moita satisfacción.

¿Deixarías de ser voluntario?
De momento non, pero hai que deixar paso ás novas xeracións.

¿Consideras que Protección Civil é un servizo que se debería profesionalizar?
Noutros lugares estase profesionalizando, en Santiago contamos con dous técnicos sanitarios. Sería importante a profesionalización deste servizo para poder ofrecer unha atención continuada e permanente durante 24 horas.

¿Recibides algún tipo de formación para ser voluntarios de Protección Civil?
Sí. No último ano, en 2005, realizamos cursos de psicoloxía, de técnicas de relaxación, de manexo de emisoras, loita contra incendios, cursos de salvamento e búsqueda na montaña, de accidentes nas estradas, de riscos laborais, atención a queimados... Para os voluntarios máis xóvenes estes cursos de formación axúdaos a desenrolar unha carreira profesional na Policía Local, na Garda Civil ou no Exército.

¿Cantos voluntarios forman o corpo de Protección Civil?
Aproximadamente 30 persoas das que un 60% son homes. É un grupo comprometido co que fai. Ademais o compañeirismo é unha das pezas máis importantes neste grupo.

¿O fenómeno do voluntarismo vai en aumento ou está decrecendo?
Cada día hai menos voluntarios. O descenso de natalidade tamén se deixa notar neste sector.

¿Como valoras e que significa para ti o feito de que che concedan a medalla do corpo da Policía Local?
Prodúceme moita satisfacción, para min é todo un orgullo.É unha honra recibila sobre todo por quen ma concede. A Policía Local ten moitas persoas que son merecedoras desta distinción.

Compartir: