CULTURA

América Latina será a protagonista da XVI edición do Festival Internacional de Títeres

30/09/2011 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, e o director do festival, Jorge Rey, presentaron no Concello a XVI edición do Festival Internacional de Títeres Galicreques, que se celebra na cidade do 1 ao 9 de outubro, tendo como protagonista a América Latina.

O festival, ademais de ter representacións no Teatro Principal e na Sede da SGAE/Fundación de Autor, ofrece tamén espectáculos escolares, espectáculo de carpa na praza do Toural e espectáculos de rúa nas Praterías e na praza Roxa en diferentes sesións, así como dúas exposicións, un obradoiro de construción e varias mesas redondas.

Dende o sábado 1 ata o domingo 9, a sede da SGAE/Fundación de Autor acollerá cada día unha función en diferentes horarios, mentres que no Teatro Principal será do 3 ao 9 con dúas funcións por día. Venres e sábado, na praza do Toural, El Retrete de Dorian Gray ofrece Teatrillo Mágico, espectáculo de carpa, en 6 pases cada día. Haberá varios espectáculos de rúa na praza das Praterías e na praza Roxa. Ademais, de mércores a venres celebrase na praza do Toural un Obradoiro de construción para nenos e nenas e haberá mesas redondas luns, xoves e venres no Teatro Principal. A todo isto hai que engadir as exposicións Títeres e titiriteros. A construcción dun oficio e Os títeres de América Latina.

Toda unha completa programación na que, como diciamos, América Latina será a protagonista polo que teremos compañías de Arxentina, Perú, Uruguai, Colombia, México…, ademais doutras partes do mundo, que nos ofrecerán variedade de estilos e tipografías: sombras, luvas, mans, máscaras e outras.

Os prezos das entradas para o Principal e a Sede da SGAE son de 5 € (prezos reducidos de 4 € para compras de tres ou máis entradas, carné xove, de estudante ou maiores de 65 anos). Estas entradas poden reservarse de 10 a 14 h no teléfono 667771147 ou no punto de información da praza do Toural. As entradas para o espectáculo de carpa son de 2 € sen reserva previa dispoñible; a inscrición no Obradoiro é de 1,50 (farase tamén no Punto de Información), mentres que os espectáculos de rúa e a entrada ás exposicións e ás mesas redondas é de balde.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: