EMPREGO

A I Feira Internacional de Emprego permitirá optar a procesos de selección de diversos postos de traballo

28/09/2011 A primeira edición da Feira Internacional de Emprego (FIE), organizada pola Concellaría de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego en colaboración coas entidades asinantes do Pacto Local polo Emprego (PALE), celebrarase os próximos días 3 e 4 de novembro no pavillón Multiusos Fontes do Sar.

A concelleira titular, Paula Prado, presentou en rolda de prensa a primeira edición desta Feira, que pretende converterse nun espazo de encontro e intercambio de información entre futuros empregados e as empresas e entidades participantes. Entre os obxectivos máis importantes da Feira está ofrecer ás persoas que buscan emprego a oportunidade de optar a procesos de selección para cubrir ofertas concretas de emprego. Segundo indicou Paula Prado, "esta iniciativa, xorde froito do compromiso do actual Goberno local co desenvolvemento socioeconómico e a dinamización do mercado de emprego na cidade".

A FIE, ademais de achegar a oferta e a demanda, abrirá espazos para outros servizos ás persoas que buscan emprego, brindándolles ferramentas e solucións para desenvolver novas habilidades e competencias demandadas polo mercado de traballo. Tamén facilitará información sobre as alternativas que abren os novos mercados de emprego. Destacou a concelleira a intención de prestar unha especial a aqueles colectivos "especialmente afectados pola crise", como os mozos ou os profesionais da construción.

Máis de 30 empresas participantes
A Feira Internacional de Emprego contará durante dúas xornadas, en horario ininterrompido, coa participación de mais de 30 empresas pertencentes a unha ampla variedade de sectores de actividade, coas que todos os visitantes poderán interactuar dun xeito personalizado. Todas elas, tanto españolas coma estranxeiras, contan con procesos de selección abertos ou prevén ofertas reais de emprego a curto e medio prazo. A falta de pechar os contactos, a concelleira calculou nunhas 100 as ofertas directas que se presentarán durante a Feira, ademais da posibilidade de que os participantes deixen os seus currículos e contacten coas diferentes empresas con vista a futuros proceso selectivos.

Sobre estas empresas, Paula Prado apuntou que á intención é "buscar empresas competitivas en procesos de expansión que poidan ver Santiago como unha oportunidade de mercado". Neste sentido, falou dos contactos que se están a producir tanto dende Emprego como da propia Alcaldía con estas empresas, mesmo coa presentación da oferta de solo industrial da cidade cara a súa implantación na cidade.

Durante a Feira, as empresas realizarán entrevistas e actividades de selección de candidatos para cubrir estes postos de traballo. O Departamento de Emprego da Concellería preseleccionará a través do servizo de Intermediación Laboral os candidatos inscritos que se axusten ao perfil. Recordou a edil que a bolsa de emprego do Concello conta na actualidade con máis de 4.000 persoas inscritas.

Amplo programa de conferencias e obradoiros
Ademais das entrevistas concertadas, a Feira acollerá a celebración das xornadas "Os novos nercados de traballo e as estratexias innovadoras para a busca de emprego". Baixo este titulo impartirase un amplo programa de conferencias e obradoiros no que se abordarán aspectos como as novas tecnoloxías e as redes sociais na busca de emprego, a reforma do mercado laboral, o autocoñecemento e o desenvolvemento persoal ou experiencias laborais no estranxeiro.

Web propia
Na páxina web da Feira (www.feiradoempregosantiago.org) os candidatos poderán inscribirse de forma gratuíta e optar aos procesos de selección das distintas ofertas de emprego. Segundo sinalou Paula Prado, "o prazo de inscrición ábrese o próximo 4 de outubro e estará activo ata o 21 de outubro". A Feira tamén terá presenza en Facebook e Twitter.

A Feira conta cun orzamento de 70.000 euros. "Aforramos custos ao máximo", indicou a edil, poñendo como exemplo a celebración do evento no Multiusos Fontes do Sar –a conta dos días de uso gratuítos que lle corresponden anualmente ao Concello no recinto- ou a utilización de expositores propios. Ademais dos contactos realizados dende a Concellería e a Alcaldía, unha consultora estase a encargar da captación de empresas e ofertas.

Na Feira do Emprego de 2010, que aínda non tiña a dimensión internacional que se lle pretende dar a partir de agora, participaron 3.300 persoas e formalizáronse ata 300 contratos de traballo.

Direcciones relacionadas



Compartir: