CULTURA

Esgotadas as entradas para as dúas funcións de "O barbeiro de Sevilla"

27/09/2011 O Auditorio de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia inauguran a súa temporada de abono o mércores 28 de setembro, ás 20:00 horas, coa ópera O barbeiro de Sevilla, que se repetirá en segunda función o venres 30. As entradas para as dúas funcións esgotáronse ao longo da mañá de martes 27.

Unha vez rematado o proceso de abonos, puxéronse á venda o luns as entradas soltas e o martes xa na billeteira do Auditorio as que quedaran xunto cunhas de visibilidade reducida. O prezo das entradas era de 20 euros as xerais, cun desconto do 50% para estudantes e xubilados, e de 10 euros as entradas de visibilidade reducida.

O barbeiro de Sevilla, ópera de G. Rossini, é unha coprodución do Auditorio de Galicia xunto coa Real Filharmonía de Galicia que conta co patrocinio de Eroski Center e o 800 Aniversario da Catedral. A Real Filharmonía, dirixida por Antoni Ros Marbá, interpretará a ópera acompañada de Damiano Salerno, Fígaro; Alessandra Volpe, Rosina; Juan Antonio Sanabria, Conde Almaviva; Paolo Bordogna, Bartolo; Simón Orfila, Don Basilio; Leticia Rodríguez, Berta; Axier Sánchez, Fiorello; e o Coro Capela Compostelana. Todos baixo a dirección de escena de Curro Carreres e con escenografía de Sergio Loro; iluminación de Baltasar Patiño; vestiario de Gabriela Salaverri e coreografía de Antonio Perez.

Compartir: