XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a instalación de alumeado no campo de fútbol de San Lázaro

26/09/2011 A Xunta de Goberno aprobou, entre outros asuntos, a dotación de alumeado para o novo campo de fútbol de San Lázaro, así como unha nova edición do programa "Á auga patos". Tamén se procedeu ao nomeamento dos representantes municipais nos consellos escolares e autorizouse a utilización do CEIP Apóstolo Santiago para a preparación do graduado en educación secundaria para adultos.

A adxudicación da instalación de alumeado no campo de fútbol de San Lázaro, a carón do SERGAS, suporá un gasto de 58.882 euros. Neste recinto, que conta con superficie de herba artificial, xogarán e adestrará os deportistas do Amio e do Vitoria, e do resto de equipos da cidade nas horas que queden libres.

Tamén a proposta do concelleiro Deportes e co obxectivo de desenvolver unha nova edición do programa "Á auga patos", deuse o visto bo ao contrato de prestación de servizos entre XADE e o Concello para organizar este programa nas piscinas de Sar e Santa Isabel. Haberá bolsas para alumnos por un importe total de 1.000 euros. A voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, anunciou que é intención do Goberno municipal, cara vindeiras edicións, "renovar o contido e o formato" deste programa.

Outro dos acordos foi o da concesión do uso da pista de chave do parque público de Galeras á Asociación de Chave de Santiago para o campionato de inverno e adestramentos que se programen.

Educación
En materia educativa, autorizouse o uso dunha aula do CEIP Apóstolo Santiago para a preparación do graduado en Educación Secundaria de Adultos. A Fundación Radio ECCA impartirá este curso, os martes e os xoves, en horario de 19:30 a 21:30 horas.

O Goberno local acordou igualmente o nomeamento dos representantes municipais nos consellos escolares de 47 centros de educación non universitaria. Trátase de 3 escolas rurais, 13 centros de educación infantil e primaria, 12 colexios concertados e privados, 13 institutos de secundaria, a Escola Oficial de Idiomas, o Conservatorio de Música e 4 centros de educación especial. Os representantes distribúense do seguinte xeito: o PP estará presente en 32 consellos, o PSdeG-PSOE en 11 e o BNG en 4.

Aprobouse tamén un convenio de colaboración entre o Concello e a Universidade de Santiago para a realización de prácticas polos alumnos do Máster en Marketing Público. A selección de alumnos farase conxuntamente entre representantes da USC e do Concello. Esta estancia de alumnos no Concello non representa relación laboral algunha e os gastos de seguros son cubertos pola USC.

Seguindo coa educación, ratificouse a liquidación de gastos da Escola de Verán de Inglés 2011, cun balance de gastos realizados de 37.864 euros (os gastos aprobados foran 37.999 euros), e de ingresos por 17.864 euros. A liquidación dá o resultado de 18.339 euros. Nesta Escola participaron 150 alumnos en tres quendas.

Na sesión tamén se deu conta da concesión de diversas subvencións pola Deputación da Coruña: 38.484 euros para Nadalxogo; 24.991 euros para equipamento da Escola Municipal de Música, e 17.998 euros para actividades educativas e culturais para a comunidade educativa e a rede de centros.

Turismo
No eido do Turismo, presentouse a xustificación do convenio entre o Concello e INCOLSA para o deseño e execución de actuacións de atención e promoción turística para 2011. Previo informe da Intervención, a primeira xustificación ascende a 358.733 euros.

Benestar Social, Muller e Emprego
Outro dos asuntos foi a toma en coñecemento da concesión dunha subvención da Secretaría Xeral de Igualdade da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por 57.672 euros, para programas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento integral da violencia de xénero (4.632 euros), de fomento da conciliación (11.640 euros) e de apoio aos Centros de Información ás Mulleres (41.399 euros).

Xa por urxencia, aprobouse a contratación da empresa que realizará un obradoiro de lectura para inmigrantes, por importe de 2.000 euros. Ademais, deuse o visto bo a un orzamento de 70.000 euros para a realización da I Feira Internacional do Emprego, que terá lugar en novembro. Será presentada en breve en rolda de prensa.

Obras
Finalmente, aprobouse por urxencia a realización de obras de pavimentación nas estradas Bando-Zarramacedo (acceso ao colexio) e Lermo-San Lourenzo (acceso á ponte das Trabas dende a estrada de San Lourenzo), por importe de 41.280 euros.

Valedor do Pobo e praza de Abastos
Tras dar conta dos asuntos da Xunta de Goberno, Paula Prado indicou que o Valedor do Pobo vén de comunicar o arquivo da denuncia presentada no seu día polo incumprimento das recomendacións deste organismo para evitar o consumo de alcohol por menores, á vista de que o novo Goberno municipal atendeu esta solicitude.

Tamén anunciou que mañá martes, ás 13:30 horas, se aprobará a acta de replanteo das obras da praza de Abastos, polo que estas poderán comezar de inmediato.

Compartir: