MOBILIDADE

Modificacións na rotonda de Conxo para mellorar a mobilidade na zona

26/09/2011 O concelleiro de Tráfico e Mobilidade, Albino Vázquez, anunciou que a partir do xoves 29 se procederá a realizar un cambio na rotonda de Conxo co obxectivo de mellorar a mobilidade da zona. A modificación consistirá na colocación dun valado na rotonda, de xeito que os vehículos que procedan de Conxo e do Hospital Provincial non poderán xirar á súa esquerda.

Estes vehículos, para ir á esquerda, deberán seguir polo vieiro Antón Fraguas, utilizar o cuarto xiro de Cornes e reintegrarse de novo ao vieiro Antón Fraguas polo carril oposto. Esta prohibición de xiro quedará establecida coa colocación de valos na propia rotonda.

O concelleiro cre que esta medida permitirá mellorar a fluidez do tráfico tanto de entrada como de saída da cidade neste nó de tráfico. Con este obxectivo tamén se realizarán distintas combinacións na apertura e peche dos semáforos.

Albino Vázquez explicou que esta medida é provisional, unha vez autorizada polo Ministerio de Fomento e durará unha semana aproximadamente. O seu funcionamento para facilitar a fluidez do tráfico determinará que se siga con este plan e as medidas a adoptar cara o futuro.

Esta actuación, ao igual que outras, como a presenza da Policía Local na saída da AP-9 en San Lázaro, foron acordadas no marco do Comité de Mobilidade, que xa mantivo dúas reunións para tratar este temas e outros relacionados coa implantación progresiva das directrices do Plan de Mobilidade.

Documentos relacionados



Compartir: