CULTURA

"Fashion Victim", de Iván Prieto, permanecerá aberta unha semana máis

23/09/2011 Fashion Victim, de Ivan Prieto, permanecerá aberta na Zona "C" unha semana máis debido ao éxito de público. Así, en lugar de pechar o domingo25, como estaba previsto inicialmente, pechará o domingo 2 de outubro e poderá verse en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas todos os días, agás o luns.

A comisaria da intervención, Cristina Moreiro explica que "a expresión Fashion Victim utilízase para referirnos a aquelas persoas que son vítimas da moda e que se guían polos canons de beleza establecidos. A intervención de Iván Prieto na Zona "C" pretende reivindicar precisamente o contrario, para demostrar o desacerto daqueles que tratan de marcar unhas pautas estéticas determinadas". "Na sociedade actual valórase cada vez máis a imaxe que un proxecta de si mesmo, aínda que esta non sexa do todo real. Atendemos en exceso ás aparencias, buscando unha aceptación social aínda que para iso teñamos que mimetizarnos cos nosos semellantes e renunciar, polo tanto, á nosa singularidade", engade Moreiro.

Así, o que Iván Prieto reflexiona neste sentido, en palabras de novo de Moreiro, é que o interesante é "a beleza do erroneamente considerado como feo". Por iso, para demostrar o seu verdadeiro potencial, "pon ante a nosa mirada seres mutilados, híbridos, con deformacións físicas… que nos fan sentir violentos nun primeiro momento pero ao mesmo tempo atráennos. Son tipos iconográficos que resultan curiosos e repletos dunha fermosura atípica que os fai únicos. As súas formas imperfectas logran un resultado moito máis auténtico, unha fermosura baseada en lograr a diferenciación mediante o recurso á abxección, que determina por completo a súa esencia".

"O espazo da Zona "C" convértese con Fashion Victim nunha especie de escenario teatral onde se representan as peculiaridades dun misterioso submundo animado habitado por curiosos personaxes, que alleos ao visitante que se introduce no seu terreo, permanecen impasibles, sendo conscientes da nosa presenza, pero indiferentes ás sensacións que nos causan. Unhas sensacións complexas e contraditorias, que se van xerando no espazo que rodea ás pezas, o punto de encontro entre estas e o espectador’, remata Moreiro.

Cristina Moreiro (Madrid, 1984) é licenciada en Historia da Arte, Máster en Arte Museoloxía e Crítica Contemporánea e Máster en Comunicación e Industrias Creativas pola USC.

Iván Prieto (O Barco de Valdeorras, Ourense, 1987) é licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. Un escultor que se apropia dos espazos desde unha particular obsesión confesada coa deformidade e coa revisión dos tradicionais parámetros de beleza e que neste caso pretende reivindicar e demostrar o desacerto daqueles que tratan de marcar unhas pautas estéticas determinadas.

Compartir: