FACENDA

A concelleira de Facenda anuncia uns orzamentos municipais axustados, eficaces e con teito de gasto para 2012

23/09/2011 O Concello de Santiago acumula unha débeda financeira de case 70 millóns de euros e ten outros 30 millóns de euros de facturas pendentes, segundo indicou en rolda de prensa a concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra. Estas cifras lévana a cualificar como "delicada" a situación das contas municipais, e de aí os axustes que está a realizar o Goberno municipal para "encauzar a situación económica".

Cecilia Sierra apuntou que a débeda bancaria a longo prazo está actualmente nuns 60 millóns de euros, aos que hai que engadir os case 1,7 millóns de euros de deducións da participación nos ingresos do Estado de 2008, os 6,3 millóns de deducións polo mesmo concepto de 2009, outros 1,1 millóns de avales a executar e unha operación a curto prazo do Auditorio de Galicia por 600.000 euros. En total, case 70 millóns de euros de débeda financeira.

Outro capítulo ao que se referiu a edil foi o das facturas pendentes. Así, citou 18,5 millóns de euros de facturas xa aprobadas, outros 8 millóns de facturas en proceso de aprobación e 3,5 millóns de facturas aínda non contabilizadas polo Concello. Isto sumaría uns 30 millóns de euros. Sumada á débeda financeira, Sierra situou a débeda total en 100 millóns de euros.

Lamentou especialmente o prexuízo que esta situación está a crear a provedores, xa que, segundo denunciou, "os períodos medios de pago aumentaron tanto no último ano que hai facturas sen pagar mesmo de novembro de 2010, ou sexa, cunha antigüidade". Isto tamén vai "en detrimento da solvencia e da credibilidade do Concello", engadiu.

Ante esta situación, o Concello adoptou unha "medida de choque", como foi a aprobación dunha operación de tesourería por importe de catro millóns de euros. Esta decisión –dixo a concelleira- permitirá "adiantar o máximo posible os pagos a esas empresas que teñen prestado servizos ao Concello e que en moitos casos teñen graves dificultades económicas". De feito, prevé que nunha ou dúas semanas ese diñeiro estea nas arcas municipais. Aclarou que esta operación de crédito é a curto prazo, de dous ou tres meses de duración, xa que está suxeita aos ingresos do IBI.

Orzamentos 2012
Xa cara a elaboración dos orzamentos 2012, Cecilia Sierra indicou que os concelleiros xa saben cal será a partida básica que deberán de manexar. Realizados os axustes necesarios, afirmou que o obxectivo é ter aprobadas as contas antes do 31 de decembro. Anunciou uns orzamentos marcados pola "eficacia e a eficiencia" e nos que "os gastos estarán axustados aos ingresos". Neste sentido, denunciou que, dende 2007, os gastos se incrementaran nun 6,27% (4,5 millóns de euros), mentres os ingresos decreceran un 7,75% (7 millóns). Fronte a isto, o Goberno municipal fixará un teito de gasto para toda a lexislatura.

Na elaboración destes orzamentos para 2012 participará un "equipo de planificación estratéxica", formado polos concelleiros e os responsables da Intervención e da Tesouraría. A súa función será non só perfilar as contas do seguinte exercicio, senón "vislumbrar obxectivos máis alá", trazando unha planificación para vindeiros exercicios.

Compartir: