CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Rocha celebra a súa VII Semana Cultural

19/09/2011 O barrio da Rocha celebra a súa VII Semana Cultural do 20 ao 24 de setembro. Serán cinco días nos que haberá exposicións, xogos populares, charlas, teatro e unha festa.

O concelleiro de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, Francisco Noya, presentou esta Semana Cultural, acompañado polo presidente da Asociación Cultural "Rocha Forte", Carlos Delgado; polo vicepresidente da Asociación de Veciños "Serafín Zas", Félix Juncal; e polo vogal de ambas, Manuel Moure. Precisamente, o concelleiro quixo poñer a este barrio como exemplo do que o seu departamento quere que sexa o movemento veciñal. "Queremos que as asociacións de veciños sexan os motores dos barrios e parroquias", dixo, asegurando que "onde elas fan un esforzo, tamén o fai o Concello".

Indicou que a Concellería está a estudar os funcionamento dos diferentes centros socioculturais e asociacións veciñais, co fin de "optimizar recursos". Trátase, segundo explicou, de destinar os recursos a aqueles lugares dinámicos e con actividades nas que participan os veciños. Neste esforzo de optimización tamén figura a eliminación de alugueres nos casos en que se poidan utilizar locais municipais. Xa se fixo cos locais da Almáciga e Guadalupe e estase a estudar para Viso.

Actividades para todos
Sobre a Semana Cultural, Noya destacou a súa "austeridade", pero tamén a súa "variedade", agradecendo unha vez máis o traballo veciñal. O martes 20, a partir das 20:00 horas, estará aberta a exposición A memoria da xente. Será unha oportunidade para que o que o desexe poida levar a súa foto antiga e obter unha copia dixital. Será momento tamén para que o concelleiro inaugure o calendario de actividades e para escoitar os contos de antes a cargo de Celso Martín.

A xornada do mércores 21 destinarase á exposición Retrátate e á proxección de documentais, curtas e filmes cedidas polo CGAI. A mostra seguirá aberta tamén os dous días posteriores.

Tras os talleres de xogos populares e inventos (18.00 horas), o xoves 22, haberá unha charla sobre a historia do Psiquiátrico de Conxo con Fernando J.P. Ponte Hernando, doutor e ex xerente deste centro. Será a partir das 20:30 horas.

Para o venres quedan os talleres de informática e unha representación a cargo do Grupo de Teatro da Rocha, que porá en escena Benvido Mr. Cajapouco.

A Semana Cultural rematará o sábado 24 coa Festa de Santa Eufemia. Dende as 17:00 horas, tempo para os xogos tradicionais, a chave, o baile con As Revoltosas de Conxo, unha sardiñada e a música co dúo Gran Marea.

Compartir: