ALCALDÍA

O alcalde felicita á Policía Local polo seu "traballo formidable" no primeiro botellón

16/09/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, agradeceu e felicitou á Policía Local polo seu "traballo formidable" na primeira noite de botellón. Malia que, segundo dixo, as circunstancias predispoñían a un "macrobotellón, afirmou que "non foi así" e que "as cousas foron razoablemente ben", polo que o Goberno municipal "seguirá traballando nesta liña".

"Están funcionando ben as medidas adoptadas polo Goberno local e que a Policía Local está a executar dun modo exemplar", apuntou Conde Roa. A noite deixou o balance dun menor identificado, doutras 100 persoas ás que se lles pediu a documentación e dun local ao que se lle abriu un expediente por vender alcohol a menores. Anunciou que este establecemento, situado na rúa Santiago del Estero, será clausurado. Tamén indicou que na última noite se xeraron 1.900 quilos de lixo.

O rexedor municipal valorou a boa receptividade cara estas medidas de identificación e indicou que "a xente é consciente de que hai que colaborar". Negou que a presenza policial no Campus motivara o desprazamento do botellón cara outras zonas da cidade. Unicamente –dixo- se detectou algún "grupo illado".

Chamada á responsabilidade
Tamén falou do botellón a concelleira de Familia e Benestar Social, Paula Prado, quen recordou estas medidas de control deben ir acompañadas da "responsabilidade de pais, dos hostaleiros, das tendas 24 horas, daqueles maiores que facilitan o alcohol a menores e de políticos e medios de comunicación". A propósito destes dous últimos axentes, apuntou que "a notoriedade non facilita a busca de solucións, senón que provoca un efecto chamada".

Insistiu en que as medidas nesta materia non se reducen soamente á aplicación da lei. "Vai máis alá e irán acompañadas doutras medidas preventivas, de apoio ás familias e de ocio saudable". Todas estas actuacións, que estarán recollidas no Plan de Prevención que se presentará en outubro, "serán asumidas en breve polos mozos e os seus resultados veranse co tempo", engadiu.

Nova terminal de Lavacolla
Na mesma rolda de prensa e a preguntas dos xornalistas sobre a inauguración da nova terminal de Lavacolla, o alcalde expresou que é "motivo de satisfacción para Santiago e para Galicia". A partir de agora, afirmou, "é un reto para a cidade, porque temos que poñer o aeroporto en valor xunto co todos os axentes do sector aeronáutico".

Máis alá das liñas de baixo custo, Conde Roa apuntou como obxectivos a captación tamén doutro tipo de compañías aéreas e a construción das conexións do aeroporto coa cidade. Citou neste punto o enlace coa AP-9 e o estudo sobre a conexión co AVE do Eixo Atlántico.

Como reto inmediato apuntou a captación de voos transoceánicos, necesarios para "ser a verdadeira competencia de Porto" e lograr que o aeródromo luso e o compostelán sexan "os dous grandes aeroportos do Eixo Atlántico".

Compartir: