ALCALDÍA

Santiago e Lalín traballarán conxuntamente para potenciar a área centro de Galicia

15/09/2011 Os alcaldes de Santiago e Lalín, Xerardo Conde Roa e Xosé Crespo, reuníronse en Raxoi para falar de proxectos de colaboración conxunta.

Segundo indicou o rexedor compostelán, na xuntanza abordaron posibles proxectos de colaboración "que poidan beneficiar a todos os municipios que estean dentro desta área central de Galicia, que ten un peso específico moi importante dentro da Comunidade Autónoma e que debe ter o recoñecemento que lle corresponde". Neste sentido, falaron de plans en materia de turismo, comercio ou industria.

Conde Roa e Crespo tamén trataron cuestións coma a demanda dunha redución do custo da peaxe da autoestrada AP-53. "Faremos unha fronte común para intentar negociar a rebaixa da mesma, porque loxicamente deste xeito a comarca do Deza, que fai moita vida con Santiago, sairá beneficiada si se abranda", indicou o alcalde de Lalín.

Outro dos temas da reunión foi o apoio a Lavacolla como aeroporto central da Comunidade Autónoma. En palabras de Crespo, "pretendemos que se converta no aeroporto por excelencia de Galicia, que xa o foi historicamente, sen menosprezar os outros dous existentes".

Compartir: