BENESTAR SOCIAL E SEGURIDADE CIDADÁ

Paula Prado reitera que o Concello actuará con "responsabilidade" respecto ao botellón

15/09/2011 A concelleira de Familia e Benestar Social, Paula Prado, indicou en rolda de prensa que "fronte á permisividade, nós imos a actuar con responsabilidade" en relación ao botellón e ao consumo de alcohol por menores. Neste sentido, engadiu, "seguiremos facendo cumprir a normativa" e traballando no Plan de Prevención.

Prado aproveitou a rolda de prensa para lembrar algunhas das consecuencias dos botellóns e do consumo de alcohol por menores en Santiago de Compostela, comezando polos destrozos no campus universitario. "Non estamos dispostos a pola mañá arranxar beirarrúas e instalacións deportivas e que pola noite as estean rompendo", indicou.

Tamén se referiu ás consecuencias sanitarias, en forma de comas etílicos. Así, apuntou que no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) se prestou asistencia, só este ano, ata o mes de xullo, a 43 menores de 18 anos. No 2010 atendérase a 85 mozos e no 2009 a 86.

Xa na Unidade de Pediatría, ata xullo de 2011, tiveron que ser asistidos en urxencias 12.710 nenos de ata 15 anos, dos cales 32 fórono por intoxicacións etílicas. A isto sumou 12 ingresos hospitalarios, 9 deles por coma etílico.

Ademais, a edil botou a vista atrás para lembrar que a consecuencia do botellón se tivera que valar un parque ou os ruídos causados polas concentracións en torno ao centro hospitalario da Esperanza.

Ante isto, dixo, o Goberno municipal "vai seguir velando pola saúde dos mozos e propoñendo medidas alternativas". Nesa liña enmárcase o Plan de Prevención que está a elaborar a UMAD en colaboración coa Policía Local.

Continuidade nas actuacións
O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Albino Vázquez, tamén se pronunciou sobre esta materia, a propósito do inicio do curso universitario: "Faremos o que estamos facendo todos os días. Seguiremos actuando cos mozos que consuman alcohol na vía pública e nos locais que vendan alcohol a menores, e tamén na limpeza e mantemento do mobiliario urbano".

Albino Vázquez di que atopa boa disposición nos mozos e está convencido de que "os cidadáns entenden estas medidas". Puxo como exemplo os concertos do Apóstolo. "Prohibiuse a entrada de bebidas para realizar botellón, non houbo ningún problema e o lugar quedou totalmente limpo", subliñou, recordando que a única incidencia rexistrada pola Cruz Vermella nestes concertos foi "unha escordadura de nocello".

Auxiliares de policía
A preguntas dos xornalistas sobre a posible dotación de auxiliares de policía, comentou que é "un instrumento lexislado e utilizado en moitos concellos de Galicia. Trátase de persoal de apoio para momentos puntuais e por un máximo de seis meses". O seu departamento está traballando no deseño desta dotación de auxiliares de policía, que non portan armas, pero si poden realizar funcións como dirixir o tráfico ou axudar nos labores de vixilancia.

A propósito do aprazamento do concurso de promoción interna para a Policía Local, afirmou que "non nos parecía prudente facelo agora, tendo en conta o traballo de redistribución do traballo que se está a realizar na Policía e a actual situación económica". En calquera caso e á vista da redución de efectivos producida nos últimos anos por xubilacións e defuncións, considerou máis necesario crear novas prazas e confía en poder facelo en 2012 "nas marxes que nos permita a lei".

Compartir: