ALCALDÍA

Melloras na seguridade de vehículos e peóns na estrada entre O Castiñeiriño e Os Tilos

14/09/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández visitaron a estrada que une O Castiñeiriño-Os Tilos (AC-841), na que o seu departamento autonómico vén de investir máis de 1,7 millóns de euros na mellora da súa seguridade viaria.

Realizouse unha reforma integral do treito, de 1,4 quilómetros, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria da zona. A intervención consistiu esencialmente no ensanche da plataforma para crear carrís centrais de saída e incorporación, e carrís laterais de aceleración e desaceleración, co obxecto de acondicionar as interseccións.

Por outra banda melloráronse as beirarrúas, creáronse dúas glorietas e cambios de sentido, e acometeuse a mellora da drenaxe lonxitudinal, así como das instalacións urbanas, especialmente o alumeado, a sinalización, balizamento e defensas. A obra beneficia a unha poboación aproximada de 112.000 habitantes de Santiago de Compostela e Teo, que son os que habitualmente utilizan esta estrada.

A materialización desta obra está xustificada pola elevada siniestralidade que presenta este tramo, polo intensísimo tráfico que soporta e polo crecemento da poboación experimentado na zona nos últimos anos. Esta estrada soporta unha intensidade media diaria de case 15.000 vehículos, dos que o 4% son pesados. Os carrís teñen 3,5 metros por cada sentido da circulación, con beiravías de 1,50 metros e bermas de 0,50 metros. As beirarrúas teñen dous metros de ancho, e a zona de aparcadoiro, 2,50 metros.

As obras deron comezo a finais de febreiro de 2010 e finalizaron en xullo.

Compartir: