ALCALDÍA

Conde Roa destaca a crecente importancia das redes sociais nas relacións dos responsables políticos cos cidadáns

14/09/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, participou en San Martiño Pinario na apertura das xornadas de marketing político "Política 2.0", que se celebran en Santiago os días 14 e 15 de setembro.

Estas xornadas analizan as principais ferramentas de comunicación 2.0: medios de comunicación, publicidade, análises do contexto electoral, comunicación estratéxica, novas tecnoloxías de comunicación, enquisas e sondaxe, segmentación e optimización de campañas, marketing móbil, etc. Trátase de estudar as posibilidades que ofrecen estes instrumentos e de aprender a beneficiarse deles.

Entre outros asuntos, nos relatorios abordaranse cuestións como a presenza dos políticos nas redes sociais, as influencias que os cidadáns exercen sobre os dirixentes políticos a través das ferramentas tecnolóxicas, o rol dos medios de comunicación neste entorno ou a xestión das novas canles de comunicación on-line.

Na súa intervención no acto de apertura das xornadas, Xerardo Conde Roa falou da importancia que a tecnoloxía 2.0 no mundo político, xa que "permite ao cidadán participar de forma activa, quizais non na decisión, pero si na opinión". Así, engadiu, "ningún órgano de participación alcanza o nivel de interacción dos vinculados á rede de redes".

Se ben denunciou os abusos que, baixo o anonimato, se produce de ferramentas como Youtube ou os foros, indicou que estes "son importantes para a clase política, para saber cal é a opinión do cidadán sobre determinados asuntos, ben é certo que en ocasións opinións demasiado politizadas". Malia isto, recoñeceu lelos en ocasións e atopar nestes foros "opinións moi enriquecedoras".

Tamén se referiu ás redes sociais, das que se declarou usuario e das que destacou a súa "interactividade", permitindo ao político "dar resposta ás demandas cidadás en calquera instante" e "coñecer opinións cidadás que de ningunha outra forma poderiamos chegar a percibir".

Compartir: