ALCALDÍA

O alcalde e o novo comisario coinciden en que Santiago segue a ser unha cidade tranquila e con baixos índices delitivos

13/09/2011 O novo comisario de Policía de Santiago, Simón Enrique Sabariz Rolán, mantivo o seu primeiro contacto institucional co alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa. Ambos analizaron a situación da cidade en materia de delitos e coincidiron en que segue a ser unha cidade tranquila e con baixos índices de delincuencia.

"Santiago é unha cidade moi tranquila, sen prexuízo de feitos puntuais que xeran algunha inquietude", indicou o rexedor municipal tras a súa conversa co novo comisario, que cualificou como "cordial". Agradeceu a "disposición e ánimo de colaboración" de Simón Sabariz e comprometeuse a estudar fórmulas para mellorar aínda máis a colaboración entre a Policía Nacional e a Policía Local, complementando servizos alí onde sexa posible e "evitando duplicidades".

Sobre a dotación de axentes da Policía Nacional en Santiago, Conde Roa recordou que "falta unha parte da plantilla por cubrir", se ben recoñeceu as dificultades que este tema entraña que nun período de "certa transición" como este, en alusión á convocatoria electoral de novembro. En calquera caso, indicou que "seguiremos falando deste tema, do que o comisario tamén é consciente, e veremos si se pode solucionar nos vindeiros meses".

Botellón
Preguntado polo botellón, o alcalde apuntou que se continuará coa "identificación de menores e da xente que produza alteracións da orde". Cre que "de momento vanse dando resultados", se ben estima necesario esperar un pouco para facer balances. "O que quixemos foi enviar unha mensaxe á sociedade de que hai tolerancia cero co botellón e consumo de alcohol nas rúas", engadiu. Tamén recordou que estas identificacións e sancións forman parte dunha "política moito máis ampla" nesta materia, que inclúe un importante labor de prevención e concienciación.

Mercado de gando
Tamén a preguntas dos xornalistas, Conde Roa pronunciouse sobre o traslado do mercado de gando de Amio. "Imos manter reunións cos implicados, os gandeiros e a concesionaria, para falar da futura utilización do mercado, e tomaremos unha decisión", dixo. O alcalde ve "complicada" a alternativa da reubicación da feira gandeira en Santiago.

Compartir: