BENESTAR SOCIAL

O Concello prepara un plan de prevención do consumo de alcohol por menores

12/09/2011 A concelleira de Familia e Benestar Social, Paula Prado, anunciou que a Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD), en colaboración coa Policía Local, está a elaborar un plan de prevención do consumo de alcohol por menores. O proxecto estará listo a principios de outubro.

Paula Prado indicou que "os menores son unha prioridade", e de aí a necesidade de elaborar un plan que "lles facilite un ocio alternativo". A futura posta en marcha destas actividades vai en paralelo co cumprimento da lei. Neste sentido, anunciou que, en a penas dez días, instruíronse nove sancións por consumo de alcohol a menores.

Destacou a concelleira a "boa resposta" que deron os pais en oito dos casos ao comunicarlles a sanción, mesmo "agradecendo a chamada do Concello". No outro caso, que afectou a un rapaz de 15 anos, denunciou a actitude do pai, que "non se quixo facer cargo del". Prado apelou á "responsabilidade dos pais" e recordou que a normativa autonómica tamén prevé sancións para os pais en caso de neglixencia dos mesmos.

As sancións nesta materia de consumo de alcohol por menores van ata un máximo de 600 euros. Será na proposta de resolución onde se indique a sanción que se propón en cada un dos nove casos. Neste ámbito, o Concello está á espera de que a Consellería de Sanidade publique o catálogo de traballos substitutivos de penas que tamén contempla a Lei autonómica.

A edil tamén agradeceu expresamente o "moi bo traballo" da Policía Local, aos que felicitou pola súa "profesionalidade e delicadeza" nestes labores. "Sabemos que é unha tarefa complicada, do día a día e na que os resultados se verán a longo prazo". Tamén se mostrou en desacordo coas actitudes "consentidoras" nesta materia, porque "deixar que fagan o que queiran os mozos é infantilizalos". "Nós queremos facer aos mozos responsables dos seus actos", engadiu.

Compartir: