CENTROS SOCIOCULTURAIS

Igor Pereda expón no centro sociocultural da Trisca a mostra "Toco Madera"

02/03/2006 O Centro sociocultural da Trisca (rúa Corredoira das Fraguas, nº 92) abre o venres 3 de marzo a exposición "Toco Madera", de Igor Pereda que permanecerá ata o 31 de marzo neste centro.

Toco Madera consta de 7 obras nas que se combina madeira rasgada, pintura acrílica e collage, ademáis de formas e cores ácidos e hipnóticos. O conxunto expositivo introdúcenos de forma abstracta no mundo onírico ou nos sentimentos máis íntimos como soidade, angustia ou mesmo optimismo. As pezas poden orixinar diversas interpretacións mesmo contradictorias. En palabras de Igor Pereda: "máis aló de mirar as obras: hai que sentilas".

Trátase da primeira exposición individual de Igor Pereda en Galicia, sendo un avance do seu proxecto arredor de morte e arte, proxecto que se pode contemplar no seu blog www.artipraxia.blogspot.com. "A madeira como material acompáñanos en moitos momentos da nosa vida para finalmente envolvernos tamén na nosa morte e descompoñerse con nos".

Igor Pereda explicará o sentido da serie expositiva no acto de inauguración da exposición, acto que contará coa actuación en vivo do artista sonoro Francisco Álvarez en torno ós sons ácidos xurdidos na costa oeste estadounidense e que deron lugar ó acid house como xénero de música de baile electrónica.

Na organización desta exposición A Trisca e o seu servizo Espazo Xove contou coa colaboración da galería Df Arte Contemporanea.

Compartir: