XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba axudas para 21 inmobles da ARI de Vista Alegre

12/09/2011 A Xunta de Goberno aprobou, entre outros asuntos, axudas para 21 inmobles destinadas á instalación dun ascensor entre o número 12 da rúa de Santa Uxía de Ribeira e o número 2 da rúa de Boiro, en Vista Alegre, no marca da súa Área de Rehabilitación Integral (ARI). Tamén se aprobou o reparto de axudas para as asociacións veciñais e para a realización de actividades de dinamización comercial.

As axudas concedidas inicialmente para os 21 inmobles ascenden a un total de 195.264 euros, financiados polo Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia. Segundo indicou a voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, estas subvencións supoñen aproximadamente o 50% do custo que para cada familia implica a instalación do ascensor.

A edil anunciou que se está traballando nunha nova proposta de convenio sobre esta ARI para 2012-2013, de tal xeito que se poidan conceder axudas para a instalación de ascensores ata en seis edificios, en vez dos tres por exercicio previstos actualmente.

Tamén neste ámbito da rehabilitación, pero neste caso da ARI do Casco Histórico, aprobáronse definitivamente axudas para 10 inmobles, por un total de 66.719 euros.

Comercio
En materia de comercio, o Goberno local acordou a concesión de subvencións destinadas á realización de actividades de promoción e dinamización comercial para o ano 2011. O reparto é o seguinte: Fundación Santiago Centro, 14.775 euros; Agrupación de Comerciantes de Santiago, 11.509 euros; Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, 14.776 euros; e Asociación Em-Rede, 3.692 euros.

Subvencións veciñais
Tamén se repartiron as subvencións ás asociacións veciñais para o desenvolvemento de programas e actividades e para o mantemento de equipamentos para o exercicio 2011. En total, distribuíronse 55.237 euros entre 47 asociacións veciñais. Neste capítulo, a voceira da Xunta de Goberno recordou o compromiso do concelleiro de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, Francisco Javier Noya, de incrementar nun 30% a partida para este concepto no vindeiro exercicio orzamentario.

Obras na Barciela
Outro dos asuntos da Xunta de Goberno foi a adxudicación das obras de reforzo do firme na vía pública de Barciela, incluídas na segunda fase do POS ADICIONAL 1/2010 da Deputación Provincial da Coruña, por importe de 113.280 euros. Esta actuación permitirá o arranxo do veiro de acceso á parroquia de Cesar.

Nomeamento
Finalmente, acordouse o nomeamento de Xosé Víctor Carou Fernández como director-xerente do Auditorio de Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: