ALCALDÍA

Feafes Galicia culmina a súa peregrinación de catro etapas en prol dunha imaxe normalizada para as enfermidades mentais

09/09/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, recibiu en Raxoi un grupo de 50 peregrinos da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidades Mentais de Galicia (Feafes Galicia). A expedición chegou a Santiago tras percorrer 54 quilómetros do Camiño de Santiago para reivindicar unha imaxe normalizada das enfermidades mentais e a rachadura dos estigmas sociais sobre as mesmas.

Os peregrinos saíran de Melide o martes 6 de setembro. É o segundo ano que Feafes Galicia realiza este percorrido polo Camiño Francés, pero desta vez cun tramo máis. Participaron as asociacións Morea, A Mariña, Avelaíña, Alume, Doa e Portanova.

Conde Roa recordoulles aos participantes que el tamén fora peregrino e que "o Camiño non deixa indiferente a ninguén". Por iso, convidounos a ser "portavoces de que viron e do que para eles supuxo o Camiño". Finalmente, agradeceu o esforzo que para moitos deles implicou este percorrido.

Tamén interveu no acto o presidente de Feafes Galicia, José Ramón Girón, quen tamén deu as grazas aos peregrinos polo esforzo realizado e asegurou a repetición da experiencia en anos vindeiros. Igualmente, tomaron a palabra dous dos camiñantes, para contar a súa experiencia, e unha nai, quen reivindicou a plena integración das persoas con enfermidades mentais e pediu aos medios de comunicación máis tacto nas súas informacións cando se fala das mesmas.

Compartir: