ALCALDÍA

Concello e Cámara trazan unha estratexia común en torno ao futuro de Lavacolla

07/09/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, reuníronse en Raxoi co presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, e co seu secretario xeral adxunto, Fernando Barros. Concello e Cámara coincidiron na necesidade de fixar unha "postura común" de todas as institucións da cidade sobre o futuro do aeroporto de Lavacolla.

Segundo indicou o alcalde, o obxectivo da reunión era estudar "cal será a nosa participación no futuro desenvolvemento do sistema aeroportuario galego, partindo da base de que Lavacolla é o aeroporto central e máis importante de Galicia, e máis tendo en conta a próxima apertura da súa nova terminal". Conda Roa apuntou que hai "coincidencia de intereses" nesta materia entre Concello e Cámara, polo que se trata de adoptar unha estratexia común cara a futuras negociacións. "Gustaríanos tratar de chegar a unha postura uniforme que plantexar ante a Xunta de Galicia" para un aeroporto compostelán ao que lle agarda "un futuro esplendoroso", engadiu.

O presidente da Cámara, Jesús Asorey, insistiu en que a entidade e o Concello "teñen os mesmos intereses en defender a cidade e en por en valor o aeroporto de Lavacolla en beneficio de Santiago e de toda Galicia". Recordou as condicións operativas inmellorables do aeródromo compostelán e, nestes tempos de dificultades económicas, apostou pola "optimización", especialmente no ámbito turístico.

Compartir: