ALCALDÍA

A xestión municipal facilita a liberación dos fondos europeos retidos dun proxecto de saneamento da vertente sur da ría de Arousa

06/09/2011 O presidente da Mancomunidade do Salnés, Gonzalo Durán, e o seu xerente, Ramón Guinarte, foron recibidos en Raxoi polo alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa.

Gonzalo Durán recibiu con satisfacción a noticia de que o problema duns fondos europeos retidos do Proxecto de mellora e saneamento da vertente sur da ría de Arousa quedou resolto. O Concello de Santiago participara como socio nesta iniciativa.

Segundo explicou o presidente da Mancomunidade do Salnés, as obras deste proxecto xa se remataran en 2004, pero non foi ata o mes de agosto cando se certificaron as obras e se realizaron os trámites administrativos necesarios para liberar os fondos, que ascenden a 300.000 euros. Durán agradeceu ao alcalde a súa rapidez en resolver este problema en menos de dous meses despois de anos de espera.

Conde Roa indicou que el simplemente cumprira co seu "deber de dilixencia administrativa" para resolver "este bloqueo de fondos sen xustificación", recordando o prexuízo que lle creou á Mancomunidade este retraso.

Compartir: