CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Concello quere destinar o actual Centro Sociocultural de Conxo á ampliación da escola infantil do barrio

05/09/2011 O concelleiro de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, Francisco Javier Noya, anunciou a intención municipal de dotar tamén á Casa das Asociacións dun uso sociocultural, neste caso para os veciños do barrio de Conxo. En troques, o actual Centro Sociocultural "Aurelio Aguirre" destinaríase a ampliar a Escola Infantil.

Noya explicou que esta medida atopou receptividade entre a asociación veciñal de Conxo, aos que se lles ofreceu o traslado da actividade sociocultural á Casa das Asociacións ou ao futuro centro de Santa Marta, se ben sobre es último se amosaron "máis reticentes". En calquera caso, apuntou que o actual centro xa quedou pequeno para os seus usos actuais e que, por contra, "o centro de Cornes está infrautilizado". Apuntou que o traslado se consensuará cos veciños e que, de concretarse, sería precisa unha "pequena reforma" na Casa das Asociacións.

De levarse adiante este traslado, o Centro Sociocultural "Aurelio Aguirre" sería empregado, tamén tras unha reforma, para ampliar a Escola Infantil de Conxo. O edil recordou a demanda de prazas de gardería existente na cidade e apuntou esta alternativa como unha boa opción para ampliar a oferta de prazas. Indicou que é que esta ampliación puidera estar lista para o vindeiro curso.

Optimización de recursos
Preguntado polo futuro da Rede de Centros Socioculturais, Francisco Javier Noya, afirmou que a intención do seu Departamento é "optimizar os recursos". Nese sentido referiuse á necesidade de non pagar alugueiros de locais nos casos en que existen locais municipais que se poden utilizar para este fin. Así, lembrou que dos 45 centros actuais, 10 están en locais alugados.

Puxo como exemplo disto o centro de Guadalupe, polo que se paga un alugueiro "cando a menos de 300 metros está o Centro Sociocultural de Vite". Tamén se referiu ao do Casco Histórico, "un local moi pequeno", polo que se buscará a cesión de uso dalgún dos locais desocupados da zona vella. Recoñeceu que esta medida de optimización "tal vez non se poida facer noutros que non teñan un local preto, como o da Barciela".

As medidas de aforro no eido sociocultural abranguen fundamentalmente, segundo dixo, ao persoal e ás actividades. "Organizaremos as actividades que os veciños demanden e ao menor custo posible; o que non se vai facer é organizar actividades ás que só van catro veciños". Referiuse neste caso a algúns centros do rural, para sinalar que "se as propias asociacións veciñais se implican e conseguen que os veciños vaian ás actividades, os centros case se manteñen sós, e aí imos colaborar".

O concelleiro quixo tranquilizar en todo caso ao tecido asociativo, apuntando que se tomarán "medidas consensuadas" e que "non se vai facer nada a costa de ninguén". Cara tomar esas medidas, anunciou que se estudará o funcionamento de cada centros sociocultural.

Subvencións veciñais
Na rolda de prensa, Noya tamén anunciou que nos vindeiro exercicio se incrementará nun 30% a partida destinada a subvencións ás asociacións veciñais, tras recordar o descenso producido nos últimos dous anos, pasando de 100.000 euros aos 65.000 de 2010 e aos 55.000 de 2011. Indicou que o reparto de axudas deste ano se levará á Xunta de Goberno do 12 de setembro.

Carpas de balde e colaboración coas festas
Outra das medidas do Departamento será a de permitir que as asociacións veciñais dispoñan unha vez ao ano das carpas municipais de xeito totalmente gratuíto. Ademais, retomarase para o seguinte exercicio a colaboración coas festas patronais dos barrios, volvendo a ofrecer de balde actividades musicais ou infantís para as celebracións.

Compartir: