XUNTA DE GOBERNO

O Concello de Santiago reducirá nun 30% os gastos do seu parque móbil

29/08/2011 O Goberno local vén de adoptar varias medidas que suporán un aforro do 30% nos gastos do parque móbil do Concello de Santiago. Así o anunciou a concelleira Paula Prado, quen deu conta da redución de gastos que se producirá en conceptos como mantemento, seguros ou no uso dos vehículos municipais.

A edil explicou que o parque móbil do Concello ten un gasto anual aproximado duns 400.000 euros, destinados a conservación e mantemento, compra ou aluguer de novos vehículos, seguros e combustible. Para reducir estes custos, adoptáronse medidas como un "maior control do uso dos vehículos municipais, co conseguinte aforro en combustible".

Tamén se producirá unha redución nos custos dos seguros, xa que, segundo explicou Paula Prado, "había seguros dalgúns vehículos nos que o seguro custaba máis que o valor do propio vehículo". Ademais, procederase a dar de baixa 14 motos da Policía Local que "levan máis de 10 anos paradas", cos conseguintes gastos en mantemento e ocupación de espazo.

"O parque móbil conta cun mecánico que non facía funcións de mecánico. Por iso habilitouse un espazo no parque móbil para facer pequenas reparacións", indicou a edil para explicar outra das medidas de aforro. Igualmente, dixo, "temos unha previsión de aforro dun 75% no lavado dos vehículos do parque móbil. Ata hoxe gastábanse uns 5.000 euros ao ano por este labor, que a partir de agora será realizado por persoal municipal. Só se gastará no material de lavado".

Seguridade
Preguntada polos últimos roubos rexistrados en distintos establecementos comerciais, Paula Prado reiterou a demanda á Delegación do Goberno e ao Ministerio do Interior das "prazas da Policía Nacional coas que Santiago ten que contar". Non obstante, insistiu en que "Santiago é unha cidade segura" e recordou que, segundo os datos da Policía, "o número de delitos é inferior ao doutros anos, malia que estes estean tendo máis repercusión".

Xunta de Goberno
Como voceira da Xunta de Goberno Local, a concelleira deu conta dos principais asuntos tratados na última sesión ordinaria. En particular, referiuse á aprobación inicial da modificación puntual do Plan Parcial do SUP-5 no ámbito de dotación EU-7 da Choupana. Esta parcela é a que ocupa o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS). O obxecto da modificación, que afecta aos viarios, é solucionar as "incongruencias" entre o devandito Plan Parcial e o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), indicou.

Documentos relacionados



Compartir: