ALCALDÍA

O IES Rosalía de Castro remodela a fachada e os seus teitos de madeira

19/08/2011 O concelleiro de Educación, Ángel Currás, acompañou o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, na visita que este realizou ao IES Rosalía de Castro para dar conta da evolución das obras que se están a desenvolver neste instituto compostelán no marco do Plan Director para mellorar as súas instalacións.

O importe destes traballos no IES Rosalía de Castro, segundo indicou o conselleiro, ascendeu ata o ano pasado a 785.333 euros, aos que se engadiron máis de 115.000 euros nas instalacións de emerxencias, que unidos ao investimento de 235.000 euros correspondentes a esta terceira fase de remodelación da estrutura da cuberta, superan os 1.135.000 euros. En palabras do edil compostelán, este investimento é "a expresión do compromiso da Consellería de Educación e da Xunta na mellora e na conservación dos centros de Santiago".

Currás e Vázquez comprobaron a evolución das obras de remodelación da fachada, así como a reparación que se está a realizar nos teitos das aulas. Cómpre recordar que estás obras de remodelación engádense ás rematadas hai seis meses, e que afectaron a unha aula de 2º de bacharelato, outra de 4º de ESO e a de plástica, empregada por todos os estudantes. Estes espazos foron reformados para que recuperasen o seu aspecto orixinal, de tal forma que se poden ver as vigas de preto de 400 anos, pintadas de branco, do mesmo modo que se encontraban no seus principios.

Con esta obra continúase co traballo iniciado no 2009, cando se rehabilitou o claustro e o artesoado orixinal deste edificio, que data do século XVII, e que parte dunha construción cadrada desenvolvida en plantas baixa e alta, dispostas arredor do claustro interior de 25 metros cadrados.

Centro de referencia
Por outra banda, Vázquez Abad valorou o esforzo do IES Rosalía de Castro por se manter na vangarda educativa, ao solicitar e desenvolver os plans desenvolvidos pola Consellería de Educación para a mellora do ensino en Galicia. Neste punto o conselleiro recordou que este instituto se incorporará o vindeiro curso ao proxecto ABALAR, grazas ao que as alumnas e alumnos de 1º da ESO contarán con cadanseu ordenador ultraportátil para o seu uso na aula, ademais de incorporar as novas tecnoloxías ao ensino a través do encerado dixital.

Ademais, durante o curso 2011/2012, o Rosalía de Castro traballará por segundo ano consecutivo como centro plurilingüe, o que permitirá ao alumnado de 1º e 2º da ESO mellorar as súas competencias en linguas estranxeiras. Nesta mesma liña o centro contará cunha sección bilingüe coa que os estudantes de Formación Profesional mellorar os seus coñecementos de inglés.

Xestión dos comedores escolares
Preguntado polos xornalistas sobre a xestión dos comedores escolares, o concelleiro de Educación reiterou "o compromiso firme do Concello de Santiago de entablar contactos coas ANPAS e cos centros para iniciar a xestión dos comedores en canto se poida". Neste sentido, o propio Ángel Currás xa mantivo reunións co presidente da Federación de ANPAS e con algúns directores de centro, e continuará cos contactos.

Ao respecto desta cuestión, Xesús Vázquez agradeceu a actitude do Goberno municipal. "Estamos traballando para que a xestión poida ser asumida nun futuro polo Concello, e por suposto, cunha participación moi importante da Consellería a nivel económico", indicou.

Compartir: