CULTURA

A Atlántica Vapora Orquestra pecha a primeira semana do Festival dos Abrazos

12/08/2011 A primeira semana do Festival dos Abrazos pecha cun concerto de Atlántica Vapora Orquestra este sábado, ás 20:00 horas, na praza de San Martiño Pinario (se chove trasládase ao Teatro Principal). Logo do descanso de actividade do domingo, o comezo da semana seguinte virá repleto de citas.

O luns haberá dous concertos de Feito a Man e a primeira sesión de A barraca de Barriga Verde, de Viravolta, para os máis pequenos, que repetirá o martes en dúas sesións. Ademais de Viravolta, o martes teremos seis actividades máis de literatura, teatro, música e audiovisual e, o mércores, os composteláns e visitantes poderán gozar coa proxección de Amal na ruela de Xerusalén, o circo de Lusco e Fusco en Bonaval e a Ultranoite dun Soño de Verán na praza da Quintana.

Atlántica Vapora Orquestra (AVO) naceu coma un proxecto saído das investigacións sobre desenvolvemento local e cultura mariñeira que a Central Folque (Centro Galego de Música Popular) leva facendo en Vilaxoán de Arousa dende o 2009. Trece músicos en escena nunha versión folk sobre o repertorio recuperado da zona mariñeira de Arousa coa dirección musical de Óscar Fernández (Cempés, bOnOvO, Descarga ao Vivo)

Chega ao Festival dos Abrazos unha recreación da barraca do mítico Barriga Verde, pioneiro nas artes dos monicreques en Galicia. José Silvent foi alcumado como Barriga Verde tras o éxito do seu espectáculo co mesmo nome. A reprodución exacta dunha das barracas que utilizou Silvent que presenta Viravolta pretende rescatar ese aire feirante onde se representarán dous espectáculos de monicreques de cachaporra: Barriga Verde e O horroroso crime de Xan Miñoca.

Marta Dacosta protagoniza un roteiro literario que sairá da porta da Biblioteca Ánxel casal co seguinte percorrido posterior: Xoán XXIII, rúa da Troia, Cervantes, Mazarelos, Rúa Nova, Toural e Alameda.

My own life é unha proposta de creación multidisciplinar na que converxen diferentes dramaturxias: a performance, as artes escénicas, a instalación, o vídeo e o traballo sonoro. Esta é unha peza procesual que evoluciona dende a performance ata a instalación sonora. Todo iso amparado baixo unha proposta escénica para-teatral intencionadamente transdisciplinar coa que se quere levar as artes escénicas máis aló dos seus propios límites; explorando así as fisuras e os nexos entre a arte contemporánea e a escena contemporánea. Unha reflexión sobre o uso da nosa memoria, de como eses recordos e esas experiencias foron construíndo a nosa identidade. Rememorar a infancia para que a nosa memoria sexa unha arma e non unha evocación.

Teremos proxección das curtametraxes da sección Explora de Curtocircuíto logo da sesión do DJ Javier Amosa. Dende 2008, Javier Amosa levou a súa mestura de estilos polas cabinas de diversos clubs galegos como El Manco, Mondo Club, La Fiesta de los Maniquíes, Alma (Vigo), La Velvet (A Coruña), Moon Music Club ou Ultramarinos (Santiago), onde é residente. As súas sesións, sempre en constante evolución, son un combinado bailable e divertido de indie-rock e electrónica.

Lusco e fusco xorde da unión de dous dos artistas máis carismáticos do panorama do novo circo e teatro físico galego: Fredi Muíño "Circanelo", e Pablo Reboleiro "Trasno". Os dous teñen formación en circo, teatro físico, danza e unha experiencia laboral moi similar, baseada en espectáculos de rúa unipersoais con contacto e comunicación directas co público e shows de teatro con personaxes que se constrúen a partir do aspecto físico do corpo. Encontros é un espectáculo multidisciplinar, onde o teatro físico, a danza e o novo circo se conxugan para crear un código propio de expresión. A comedia e o virtuosismo forman parte desta montaxe ecléctica que xorde do encontro de dúas persoas, tócanse, ólense, séntense, e comezan o seu camiñar, xuntos.

Organizado pola Concellaría de Cultura, o Festival dos Abrazos conta co patrocinio do Consorcio de Santiago e a colaboración da Asociación Cultural Cidade Vella, que organiza a programación de Feito a Man, integrada no Festival dos Abrazos; o Festival de Cine Euro-Árabe Amal; La Caixa de Barcelona e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC.

Compartir: