CONSORCIO

Máis de 50.000 persoas visitaron a exposición "A Catedral de Santiago, corazón de Compostela" no Pazo de Xelmírez

12/08/2011 Máis de 50.000 persoas visitaron a exposición A Catedral de Santiago, corazón de Compostela dende a súa inauguración no mes de xuño no Pazo de Xelmírez. A mostra, organizada polo Consorcio de Santiago e o Cabido da Catedral coa colaboración da Fundación Barrié de la Maza, vén de pór á venda un catálogo que explica ao detalle o contido da mostra, facendo fincapé nas claves do Plan Director da Catedral.

O 17 de xuño abría ao público a exposición, na que se mostran os principais aspectos do Plan Director da basílica xacobea e que permite achegarse á arte e á historia do edificio dende unha perspectiva diferente. Logo de case dous meses aberta ao público, xa foron máis de 50.000 as persoas que accederon ao salón principal do Pazo de Xelmírez, que acolle a mostra. O acceso á mostra faise dende o interior da Catedral, na zona do Pórtico da Gloria, por unhas escaleiras de conexión descoñecidas polo público en xeral.

A exposición vén de poñer á venda un catálogo que plasma a trintena de paneis ilustrados que acolle e que reflicten as diferentes partes do Plan Director, como a listaxe das lesións que sofre a Catedral ou o plan de obras de restauración e mantemento programados para a súa recuperación integral. Así mesmo, a publicación acolle os catro alzados da Catedral como planos adxuntos á publicación, nos que se identifican, ao igual que na exposición, a sucesión de estilos artísticos da Catedral e os seus autores.

O Catálogo tamén compila a historia previa de investigación planimétrica da Catedral, dende os primeiros debuxos da Catedral, no século XVII, os planos do século XVIII e XIX e os traballos de Conant e Pons Sorolla, xa no século XX.

O 800 Aniversario da Catedral de Santiago, efeméride que está a servir para poñer en marcha todo este proceso de restauración e conservación, tamén ten cabida no catálogo da mostra. Cómpre lembrar que este aniversario foi declarado polo Goberno de España evento de excepcional interese público, que recoñece beneficios fiscais ás entidades patrocinadoras. Estas contribucións serán destinadas a financiar obras de restauración na propia Catedral.

A Fundación Barrié de la Maza, que colabora en toda a iniciativa, ten presenza no catálogo a través da instalación do Pórtico Virtual, representada na mostra a través dun material audiovisual que recrea o Pórtico da Gloria e recolle os sons dos instrumentos musicais nel representados.

Horario da exposición: Martes a sábado, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Domingos, de 10:00 a 14:00 horas. Luns pechado. Entrada libre.

Compartir: