CULTURA

Mar Gómez presenta o espectáculo "Heart Wash. Una historia de amor abocada al fracaso" no Festival dos Abrazos

10/08/2011 Un día máis, as rúas de Santiago énchense coa programación do Festival dos Abrazos. Na xornada do xoves día 11, a catalana Mar Gómez presenta o seu espectáculo de danza contemporánea Heart Wash. Una historia de amor abocada al fracaso e o colectivo Precicla! celebra a segunda sesión de Reciclónica. Ademais, teremos a primeira cita con Curtocircuíto na praza do Toural: primeiro sesión co DJ Álvaro DC ás 21:15 horas e, a continuación, a proxección do palmarés deste ano a partir das 22:30 horas. A isto hai que engadir dous concertos de Feito a Man: Rafael Fernández Trío ás 20:00 horas na rúa de Tras Salomé e Alejandro Vargas Trío ás 22:00 horas en San Paio de Antealtares.

Precicla! é un colectivo pluridisciplinar que traballa e actúa no ámbito da sustentabilidade desde diferentes perspectivas: social, funcional e creativa. Co fin de xerar novas visións, actitudes e reflexións a respecto do actual sistema de consumo no que nos atopamos. Resicrónica é unha acción comunitaria que pretende estreitar o vinculo do cidadán co espazo publico a través da manipulación dun obxecto cotián, o residuo, convertido en materia prima. Preséntase desta vez na súa segunda convocatoria, tras a intervención colectiva do mércores: en dúas convocatorias: confección dun "tecido-Patchwork" comunitario de grande escala, empregando o residuo como materia prima.

En Heart Wash. Una historia de amor abocada al fracaso temos por unha banda, unha muller forte, moi forte; unha lavadora; un lugar árido, afastado, illado e unha bogada que non remata nunca. E por outra banda, un home á deriva, alguén que nunca fixo unha bogada porque nin sequera sabe que a súa roupa non anda moi limpa. Un espazo e un encontro apaixonado, efémero, conflitivo e, non obstante, eternamente humano. Fiel ao seu estilo, a compañía Mar Gómez narra bailando, baixo a peneira dun sorriso irónico, a historia dun encontro e un desencontro, a peripecia dun amor incómodo, desconcertante e sen remedio.

Pola súa banda, Alvaro DC leva uns anos pinchando música negra en varios locais de Compostela coma o Cachán Clube (DJ residente), Ultramarinos, Curruncho ou Modus Vivendi. Sesións que repasan a parte máis bailable do blues, o soul e o funk de todas as épocas. E a continuación da súa actuación poderemos asistir á proxección do Palmarés de Curtocircuíto 2011, que se pode consultar completo na web do Festival.

Organizado pola Concellaría de Cultura, o Festival dos Abrazos conta co patrocinio do Consorcio de Santiago e a colaboración da Asociación Cultural Cidade Vella, que organiza a programación de Feito a Man, integrada no Festival dos Abrazos; o Festival de Cine Euro-Árabe Amal; La Caixa de Barcelona e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC.

Compartir: