CULTURA

Kolectivo Mostrenko presenta "La pared" na segunda xornada do Festival dos Abrazos

08/08/2011 A segunda das xornadas do Festival dos Abrazos terá como protagonistas aos vascos Kolectivo Mostrenko, que ofrecen La Pared, unha curiosa peza de teatro de rúa este martes, 9 de agosto, a partir das 20:00 horas, no espazo da rúa das Ameas-praza de Santo Agostiño. A programación da xornada complétase con dous concertos de Feito a Man. Ás 20:00 horas, na Vía Sacra, estará a angoleña Aline Fracão e, ás 22:00 horas, Sergio Tannus Trio trae a San Paio de Antealtares a música brasileira.

En La Pared, os Arrieta-Pons non queren baixarse do seu tren de vida a pesar de que cada vez lles costa máis gardar as aparencias para manter o seu estatus no barrio. Nunha arroutada de loucura desesperada e oprimida por un desafiuzamento inminente, Mari Carmen arrancou a cuarta parede da súa casa a golpe de maza e botouse á rúa, algo que colleu ao contraxeito ao seu atónito marido, Juan Carlos. Guzmán "el bueno", asesor financeiro da caixa local, amigo da familia e avalista persoal da súa hipoteca, trata de reconducir con tacto tan dramática situación, mentres un veciño intenta recuperar dalgún xeito a súa reformada cociña, que para a súa desgraza comparte tabique co salón dos Arrieta-Pons.

A cantora e compositora angolana Aline Fracão presenta en Feito a Man novos temas con formato trío. Acompañada por Jose Manuel Díaz no contrabaixo e Carlos Freire na percusión. O Sérgio Tannus Trío naceu en xullo de 2007 cando Sérgio Tannus (multi-instrumentista, cantautor e produtor musical) coñeceu a Serginho Sales (pianista, teclista e acordeonista). Xuntos desenvolveran unha maneira de tocar e de se expresar moi sinxela e alegre, a través da multiplicidade de sonoridades e estilos que proporciona o piano de Serginho conversando cos numerosos instrumentos de corda e percusión que executa Sérgio Tannus. Pouco tempo despois únese a eles o percusionista de Salvador de Bahia Paulo Silva. Ao se formar o trío, ábrense novos horizontes. Baseándose na música brasileira e do mundo, no instrumental, no experimento, na liberdade de expresión, estes tres amigos abriron un feixe de portas musicais.

Organizado pola Concellaría de Cultura, o Festival dos Abrazos conta co patrocinio do Consorcio de Santiago e a colaboración da Asociación Cultural Cidade Vella, que organiza a programación de Feito a Man, integrada no Festival dos Abrazos; o Festival de Cine Euro-Árabe Amal; La Caixa de Barcelona e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC.

Compartir: