ALCALDÍA

Recoñecemento municipal á traxectoria do ciclista compostelán David Blanco

08/08/2011 A piques de ultimar a preparación para participar en setembro nunha nova edición da Volta a España, o ciclista compostelán David Blanco pasou por Raxoi, onde foi recibido polo alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa. Representantes do ciclismo da cidade acompañaron ao deportista nesta visita, na que tamén estivo o concelleiro de Deportes, Adrián Varela.

O alcalde compostelán quixo recoñecer o labor de tantos anos do ciclista David Blanco, ao que lle agradeceu igualmente o seu labor de promoción do ciclismo. Situou este recoñecemento na intención que ten o Goberno municipal de valorar o labor dos deportistas da cidade. Ademais, desexoulle sorte para a próxima Volta Ciclista a España.

David Blanco agradeceu o recibimento e lamentou que nos últimos anos estivese máis recoñecido en Portugal, de onde eran algúns dos equipos nos que militou, que na súa propia cidade. Non obstante, imputou ese déficit en parte ao seu pouco apego a aparecer nos medios de comunicación.

David Blanco
Nado en Bern (Suíza) en 1975, David Blanco Rodríguez viviu en Santiago toda a súa vida. É ciclista profesional dende o ano 2000, militando tanto en formacións españolas como portuguesas. Na actualidade forma parte do Geox TMC.

No seu palmarés acumula 15 vitorias, tanto en etapas como en clasificacións xerais. O seu maior éxito é ter gañado tres veces e de forma consecutiva a Volta a Portugal. Agora viaxará para concentrarse para a preparación da Volta a España.

Compartir: